Duplícanse os positivos nas residencias após o Nadal

Traballadores sanitarios totalmente protexidos acoden á residencia de maiores de San Cibrao (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Se o pasado Día de Reis eran 142 as persoas usuarias de residencias con coronavirus, en apenas catro días os contaxios duplicáronse até chegar este domingo aos 280 positivos.

As residencias da Galiza computan 280 maiores e 134 profesionais contaxiados de coronavirus. O informe deste domingo, 10 de xaneiro, recolle 49 novos contaxios detectados nas últimas horas entre as persoas maiores en centros xeriátricos, o que supón practicamente o dobre do total de casos activos que se notificaron no Día de Reis, o pasado seis de xaneiro (foron 142 os positivos comunicados daquela).

Os 49 novos contaxios notificados este domingo entre as persoas maiores corresponden a 10 usuarias e usuarios da residencia DomusVi de Vimiazo, 2 do centro San Bartolomeu de Xove, 25 da residencia Fogar Santa María, en Verín; e 12 usuarios na residencia Paz y Bien de Tui. 

En total, son 280 os maiores contaxiados en residencias. A que ten máis casos é a DomusVi de Vimianzo (82), seguida de Paz y Bien de Tui (52) e a Residencia da Pastoriza (36). Na Residencia de Ribeira son 19 as e os usuarios contaxiados, 6 na de Santa Teresa de Jornet (A Coruña), 14 están na Residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro, 25 na San Bartolomeu de Xove e tamén 25 na Residencia Fogar Santa María (Verín), mentres que 11 están na Modelo de Vigo, 4 na Saleta de San Cristovo de Cea, e unha nos apartamentos Tutelados San Bartolomeu de Xove, mesma cifra que na residencia de Maiores de Burela e na de Vila do Conde, en Gondomar; mentres que 4 están no CRAPD Vigo. 

134 casos no persoal

Entre o persoal traballador das residencias hai detectados 134 casos activos en total, 130 en centros de maiores e 4 nos de dependencia. Incluíronse este domingo 20 novos contaxios.

Os centros máis afectados son a Residencia Domusvi de Vimianzo, con 24 casos entre o persoal, a San Bartolomeu de Xove, con 12; a Paz y Bien de Tui, con 13; e a da Pastoriza, con 10.

En xeral, os casos na Galiza seguen sendo alarmantes. Este domingo notificábanse 718 novos contaxios por coronavirus rexistrados nas últimas horas (661 confirmados a través de PCR), após baterse onte, 9 de xaneiro, o récord desde o inicio da pandemia, con 914 positivos (798 detectados por PCR).