Ducias de troitas aparecen mortas no río Traba, en Noia

O río Traba ao seu paso pola localidade de Noia (Foto: Nós Diario).
Segundo as fontes consultadas por Nós Diario, polo momento descoñécense as causas mais sospéitase dunha posíbel vertedura que tería derivado na morte dos peixes.

Ducias de troitas apareceron mortas no fondo do río Traba de Noia. Segundo puido coñecer Nós Diario, un forte cheiro alertou pescadores que alí se encontraban.

Ademais, ao non conseguir pescar nada comezaron a sospeitar que as troitas podían estar mortas, algo que se confirmou ao pouco tempo.

Segundo as fontes consultadas por Nós Diario, polo momento descoñécense as causas mais sospéitase dunha posíbel vertedura que tería derivado na morte dos peixes.

Desde a plataforma en defensa do mar Plademar, indican que, se ben non se saben as causas “isto non é normal” e aseguran que “desde logo non pode tratarse de nada bo”.

Para alén diso, desde Plademar manifestan que “non é a primeira vez que algo así acontece. Hai un tempo apareceron mortos muxos e foi unha desgraza”.

“Así non imos a ningunha parte”

“Nós facemos a nosa parte por coidar a calidade das augas mais se non se fai nada por parte das Administracións non imos a ningunha parte, e xa non é a primeira vez que algo así pasa”, engaden.