Ducias piden en Vigo o translado á Galiza dos presos independentistas Xurxo Rodrigues e Roberto Rodrigues

[Imaxes: Que voltem para a casa]

Foi a primeira das concentracións convocadas pola plataforma Que voltem para a casa diante dos Concellos natais dos seis independentistas encarcerados. Na cidade olívica sumáronse a concelleira do BNG, Iolanda Veloso, e o responsábel local da mesma formación, Henrique Vieitez.


Máis de medio cento de persoas concentráronse o 3 de Decembro diante do Concello de Vigo para reclamar o translado á Galiza dos presos independentistas Xurxo Rodrigues Olveira e Roberto Rodrigues Fialhega, 'Teto'. Aos e ás concentradas uníronse a concelleira do BNG, Iolanda Veloso, e o responsábel local da formación frontista na cidade olívica, Henrique Vieitez.

A 665 e 385 quilómetros das súas familias

Preso desde o 31 de novembro de 2011, R. Fialhega, 'Teto' (Vigo, 1978) foi xulgado na Audiencia Nacional española entre os días 24 e 27 de xullo. Nunha sentenza que non é firme aínda, condenárono a oito anos de prisión polos delitos de participación en "organización terrorista"; máis oito por tenza de explosivos "con finalidade terrorista"; e outros dous por falsificación dun documento oficial tamén "con finalidade terrorista". En total, 18 anos de cárcere e 9 anos de liberdade vixiada.

Segue preso en Estremera, Madrid, a 665 quilómetros da Galiza. Clasificado en primeiro grao e réxime FIES 3, ten dereito --ao igual que os outros cinco independentistas que están presos neste réxime, aplicado a integrantes de banda armada-- a tres horas de patio ao día, as comunicacións intervidas, oito chamadas telefónicas e dúas cartas á semana. Tamén pode recibir catro visitas ao mes: un bis à bis familiar de dúas horas e outras tres de 40 minutos de duración. 

Pola súa banda, a Xurxo R. Olveira (Vigo, 1992) prendérono o 15 de setembro de 2012 en Vigo sob a aplicación da lexislación antiterrorista. Imputado polos delitos de estragos, tenza de explosivos e pertenza a banda armada, leva desde aquela en prisión preventiva e sen ser xulgado. Fica encarcerado no penal de Mansilla de las Mulas, en León, a 385 quilómetros da Galiza.

Máis concentracións e mocións nos Concellos

As seguintes mobilizacións contra a dispersión decorrerán en Compostela (Eduardo Vigo, 11 de decembro), Ames (Hadriam Mosquera, 'Senlheiro', 17 de decembro), Teo (Antom Santos, 23 de decembro) e Ordes (Carlos Calvo, 3 de xaneiro). 

Aliás, os cinco concellos debaterán tamén mocións en que a plataforma Que voltem para a casa reclama o translado destes cinco cidadáns a cárceres da Galiza, o "respecto escrupuloso" polos seus dereitos fundamentais e que remate a clasificación "colectiva, arbitraria e discrecional" en réxime FIES 3 para @s independentistas que son detid@s.