Ducias de persoas exixen a paralización da corta de árbores no acceso a San Pedro de Rocas

Concentración en defensa de San Pedro de Rocas ante a Deputación de Ourense este sábado. (Foto: Ecoloxistas en Acción).
A cidadanía non se rende. Este sábado ocupou a facha principal da Deputación de Ourense para impedir que continúe a desfeita paisaxística e patrimonial que o organismo público, di, iniciou esta semana na contorna do Ben de Interese Cultural.

"Se perdemos as árbores, perdémolo todo". É unha das mensaxes que encabezou este mediodía a concentración convocada diante da Deputación de Ourense para exixirlle ao organismo que preside Xosé Manuel Baltar a fin dos traballos de corta e destrución que ameazan a contorna do mosteiro máis antigo da Galiza.

Entidades culturais, ecoloxistas e veciñais mobilizáronse xunto á Fundación Moreiras-San Pedro de Rocas. Exhibiron pancartas, motoserras e restos de vexetación que buscaba ilustrar os estragos que a Deputación de Ourense está a causar nas inmediacións do mosteiro de San Pedro de Rocas, no concello de Esgos.

Un BIC en risco

O proxecto da Deputación de Ourense para ampliar a estrada OU-0509 e que poidan acceder ao cenobio autocares turísticos de gran tamaño ameaza un enclave que o ano pasado foi recoñecido co premio da Cultura Galega, lembrou a Fundación, que acusa Baltar de pretender destruír "un lugar inviolábel, único na Galiza e na Península Ibérica".

Os plans desta Administración pública implica a talla de máis dun certo de árbores, moitas centenarias, ademais da eliminación de elementos históricos do mosteiro, un camiño medieval e restos arqueolóxicos.

O mosteiro, declarado Ben de Interese Cultural, está en grave risco desde que os operarios enviados pola Deputación de Ourense comezaron a corta de árbores esta pasada quinta feira.

As manifestantes denuncian perdas cuantiosas ás que esta segunda feira se poden sumar outras novas. Afirman que no lugar onde comezaron as tallas quedan moitas máis árbores marcadas para seren derrubadas: un ciprés de 1845, un castiñeiro, un tileiro... Ducias de exemplares.

Baltar, Feixoo e as motoserras

Na concentración deste sábado ante a Deputación de Ourense, varias persoas participaron con caretas de Xosé Manuel Baltar e Alberte Núñez Feixoo. Foron as encargadas de empuñar cada súa motoserra e de facelas ruxir para salientar o desleixo dos representantes públicos cara un ben protexido e exixir a modificación do proxecto de ampliación da estrada que leva a San Pedro de Rocas.