Concentración en Ferrol contra a represión policial

Elvira Souto na lectura do 'Manifesto contra a represión'
Esta quinta, ducias de persoas concentráronse a prol dos dereitos civís e contra as “políticas represivas do Partido Popular”.

A pasada semana, durante o transcurso dunha concentración en defensa do sector naval desenvolvida ás portas dun acto político do Partido popular, un membro da Conferencia Intersindical Galega foi detido e levado a comisaría. X.M. Pintos denunciou que ao longo da noite fora torturado e ameazado en reiteradas ocasións pola policía. Esta quinta, ducias de persoas concentráronse ás portas do edificio administrativo da Xunta en Ferrol para amosaren a súa solidariedade co sindicalista e para reivindicaren o cumprimento dos dereitos civís.

Convocados pola CIG, CC.OO e UGT, @s participantes fixeron un chamamento á reflexión perante uns actos que o secretario comarcal do sindicato nacionalista, Manel Grandal, considerou “unha vulneración non só da Constitución española, senón da Carta de Dereitos Humanos das Nacións Unidas”. Grandal, denunciou –como tamén o fixeron pola vía xudicial-- “as políticas represivas que está a aplicar o PP”. Neste sentido, asegurou que a reforma do Código Penal que pretende aprobar o goberno español, ten como finalidade “limitar todo tipo de manifestación e protesta na rúa, impondo mesmo penas de cadea”. Pola súa banda, Ramiro Oubiña, secretario confederal de finanzas da CIG subliñou que a devandita reforma, procura “erradicar un dereito tan fundamental como que se poida producir esa contestación [social fronte aos recortes] na rúa”.

"As políticas represivas que está a aplicar o PP pretenden limitar todo tipo de manifestación e protesta na rúa"

Elvira Souto, foi a encargada de dar lectura ao manifesto. Souto salientou que o actual contexto de crise está a ser empregado para limitar e enfraquecer o estado de dereito en detrimento das liberdades e “contra aqueles que a popria sociedade marxinaliza”. Aliás, o texto salientou “as innumerábeis condenas” emanadas de distintos organismos internacionais, que reproban o Estado español pola pasividade fronte aos casos de tortura denunciados. A última sentenza foi promulgada polo Tribunal de Estrasburgo esta mesma semana a respecto do director do diario 'Egunkaria', Martxelo Otamendi.

Elvira Souto, en nome d@s alí presentes, amosou a solidariedade con X.M. Pintos e denunciou a “actuación policial desmedida e sen sentido” practicada contra o sindicalista. Asemade, acusou os membros do Partido Popular “e máis en concreto polo Alcalde, Xosé Manuel Rey, e o Deputado Diego Calvo”, de provocaren o conflito.

Xuntanza coa Delegación do goberno
As centrais sindicais solicitaron ter unha reunión co delegado do goberno español, para abordar o acontecido o pasado 4 de outubro e exixir que se abra unha investigación encamiñada “a depurar as responsabilidades políticas”. A xuntanza, terá lugar o vindeiro día 22 porén, o secretario comarcal da CIG, Manel Grandal, asegurou non ter moitas esperanzas pois, dixo, “o delegado do goberno é o Delegado do PP, e avala, como non podía ser doutra maneira, este tipo de políticas”.