Unha ducia de pacientes do Meixoeiro, positivo por coronavirus

Unha mostra dunha PCR.
O surto foi detectado polo Servizo Galego de Saúde na planta de Xeriatría do centro sanitario de Vigo. Hai dez persoas máis pendentes de evolución.

O Servizo Galego de Saúde detectou un foco de coronavirus no hospital vigués do Meixoeiro. Polo momento o surto afecta a doce pacientes que estaban ingresados na unidade de Xeriatría e que o Sergas trasladou ás áreas especializadas do Hospital Álvaro Cunqueiro.

A canda estes doentes coa infección activa, as autoridades sanitarias resolveron desprazar, por prudencia, outras dez persoas que deron negativo na primeira proba e que se atopan na unidade de sospeitosos, en observación e pendentes do resultado definitivo do test.

Diagnóstico

Segundo fontes do Sergas, o brote detectouse despois de que un paciente, que recibira a alta, regresase ás poucas horas ao hospital porque se atopaba mal e presentaba síntomas compatíbeis coa Covid-19. Tras realizarlle unha PCR, deu positivo.

Nese momento, iniciouse un cribado na planta de Xeriatría querevelou outros 11 contaxiados. Agora, investigan a orixe do foco, aínda por determinar.

Na área sanitaria de Vigo hai 2.333 persoas coa enfermidade activa, das cales 84 están hospitalizadas e 18 permanecen en Unidades de Coidados Intensivos. A incidencia acumulada a 14 días, en ascenso, roza xa os 400 casos por 100.000 habitantes.