Unha ducia de concellos galegos xa se declararon “territorios libres” do TTIP

Fan parte das 1.200 vilas e cidades europeas que rexeitan un acordo comercial que, denuncian, recorta dereitos e democracia. Desde cidades como Compostela e Pontevedra a vilas como Barbadás 

Pontevedra, Compostela, Lugo, Baños de Molgas, Barbadás, Nigrán, Narón, Ames, Gondomar, Ribadavia, Entrimo... Son os concellos galegos que – segundo a plataforma 'No al TTIP'- aprobaron mocións para se declarar territorios libres de TTIP e rexeitar así o tratado de libre comercio entre EUA e UE. En Europa son 1.200 as vilas e cidades que fan parte desta iniciativa, 140 no Estado español. E máis de tres millóns de persoas en Europa asinaron contra este tratado. Vén de poñer o ramo o encontro que estes días decorreu en Barcelona e que reuniu a algunhas desas cidades e concellos, que lembran que este tratado ameaza a soberanía dos municipios en non poucos aspectos.

O Tratado de Libre Comercio (TLC) ou TTIP, nas súas siglas en inglés, afectará o marco laboral, social, ambiental, sanitario, alimentar, financeiro e do sector servizos. O obxectivo do tratado é, segundo lembran os seus opositores, "eliminar os aranceis", "harmonizar a lexislación" e "fixar mecanismos xurídicos que garantan os beneficios dos investidores financeiros" en múltiples planos, na procura de equiparar as condicións xurídicas entre os EUA e a Unión Europea.

En materia alimentar, ambiental e de saúde prevese a eliminación do principio de precaución actualmente en vigor na UE. Un feito que permite a aplicación de medidas protectoras perante aqueles produtos ou tecnoloxías que puidesen ser prexudiciais para a saúde como a carne bovina tratada con hormonas ou o uso de químicos nocivos nos procesos industriais.  Así mesmo, prevé a desregulación financeira permitindo a flutuación de capitais sen restrición nen capacidade de control algún. Aliás, contempla a liberalización dos servizos públicos e a capacitación de calquera empresa ás dúas beiras do Atlántico para acceder a concursos de xestión pública incluídos a sanidade, a educación ou as obras públicas en calquera dos distintos niveis administrativos.

E todas estas cuestións tan trascendentais estanse a negociar de costas á cidadanía, sen debates públicos e furtando información, algo no que insisten os detractores.