A máis tardar en 2025

Unha ducia de colectivos piden ao Goberno español o feche da Central das Pontes

“É unha das maiores fábricas europeas de cambio climático”, denuncian desde ‘Galiza, un futuro sen carbón’.

As asociacións e colectivos que fan parte de ‘Galiza, un futuro sen carbón’, pide que o Goberno estatal peche a central de carbón das Pontes a máis tardar en 2025. Reclama que o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) garanta ese fechamento. “O abandono total do carbón e da enerxía nuclear en 2025 sería posíbel cun maior esforzo no despregue das enerxías renovábeis e no estímulo do aforro e a mellora da eficiencia enerxética”, afirma.

 

O Goberno central non vai pechar ningunha térmica de carbón, advirten. Simplemente prevé a redución da capacidade de produción eléctrica con carbón até 0-1,3 GW (xigavatios) de potencia en 2030. “A causa sería a posíbel evolución do prezo da tonelada de dióxido de carbono (CO2) no mercado europeo de emisións. Con todo, segundo a previsión gobernamental, en 2025 aínda estarían operativas 6 centrais, cunha potencia total de 4,5 GW”.
 

A central de carbón de Meirama (Naturgy) fechará en 2020, mais Endesa pretende prorrogar a vida da das Pontes até a década de 2040. É a maior do estado, con 1,4 GW de potencia. “Tamén é unha das maiores fábricas europeas de cambio climático. En 2018 foi a 17º industria de toda a UE con maior impacto climático, ao lanzar á atmosfera 7,9 millóns de toneladas de CO2 causante de cambio climático”.