Dúbidas e mobilizacións no inicio de curso

O alumnado de Infantil e Primaria regresa ás aulas entre a quinta e a sexta feira (Foto: Xunta da Galiza).
As familias urxen información na volta ás aulas. 

A dous días para que se inicie o curso escolar nos centros de Educación Infantil e Primaria, moitas familias seguen á espera de coñecer os detalles do regreso ás aulas das súas crianzas despois de seis meses de ausencia.

É o caso das familias que levan os seus fillos e fillas ao CEIP A Rabadeira, de Oleiros, na comarca da Coruña. "Non sabemos nada. Tiñamos unha reunión prevista para mañá, cuarta feira, xusto o día antes de que comecen as clases, pero anulárona. E non sabemos máis", incide Iria Barreiro, nai dunha nena de catro anos que cursará 5º de Infantil. "A día de hoxe non sei que material ten que levar, como se van organizar nas aulas, se van ter que ir con máscara ou non nin cal será o sistema que empreguen para xestionar o comedor. Nada, nin por parte do colexio nin sequera da ANPA. Somos os pais os que tratamos de manternos en contacto para estar ao día do pouco que colgaron na web, que nos remite a protocolos bastante xenéricos", sen detalle ningún de como van organizar as entradas nin as rutinas dentro das instalacións.

Comedor escolar

Os pais, nais e titores do alumnado do CEIP A Rabadeira boten en falta comunicación directa por parte do centro e mesmo da Administración galega, encargada da xestión do comedor escolar. "É unha das cuestións que máis nos preocupa", explica Barreiro. A única información da que dispoñen até o de agora estabelece dúas quendas para as crianzas que quedan a xantar na escola. "Malia que a xestión dos menús lle corresponde á Xunta, o persoal que os coida e os atende durante o tempo da comida son pais e nais voluntarias. Todo apunta a que volverá ser así, coa diferenza de que este ano ao haber dúas quendas, o primeiro grupo verase na obriga de agardar perto dunha hora na escola até que os vaian recoller -sempre que o requira a conciliación das familias- a cargo de nais e pais voluntarios".

Iria Barreiro asegura que isto non sucede só na Rabadeira "senón en todos os colexios cuxo comedor depende da Xunta". Con este modelo, sinalan as familias, "a Administración está sobrecargando os pais e as nais cunha responsabilidade que debería asumir persoalmente", sen dobrar a exixencia que este ano poden chegar a asumir as persoas voluntarias

Mobilización

Para as familias do CEIP A Rabadeira de Oleiros, o mes de setembro comezou, ademais, cunha mobilización que os levou a defender ante a dirección do centro e inspección educativa o desdobramento en dúas aulas do alumnado de 5º de Infantil. "O ano pasado iniciaron o seu periplo na escola en dúas aulas de 11 e 12 alumnos. Había varios nenos con necesidade educativas especiais e acordaron esta distribución con dúas profesionais de apoio para os tres cursos e as seis aulas de Infantil que constituíron".

Após o claustro de profesorado que deu por inaugurado o curso, os pais souberon da intención de fusionar nun único espazo os dous grupos. "Xusto cando menos sentido tiña facelo. Pelexamos e atenderon a nosa reclamación, mais é certo que perdemos unha profesional de apoio educativo", afirma.