Dúas variantes da cepa brasileira suman en Vigo 30 casos de Covid

Dose da vacina de Pfizer (Foto: Europa Press).

Trinta casos relacionados con dúas variantes da variante brasileira na área de Vigo, en tres grupos distintos, todos eles de xente moza – menor de 30 anos- e nalgún dos casos sen relación coñecida co resto, “que é o que máis nos preocupa”, di Feixoo. 

Após a comparecencia de prensa do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na cuarta feira 14 de abril, para dar conta das decisións adoptadas polo Comité Clínico e alertar do aumento da incidencia nas áreas sanitarias de Vigo e Pontevedra, saltaba aos medios a detección en Vigo de seis novos casos relacionados coa variante brasileira. Unha cifra que neste 15 de abril xa ascendía a 30 persoas contaxiadas, segundo informaba a Consellaría de Sanidade, “procedentes de tres agrupacións diferentes”, como explicaba aos medios Feixoo, e con idades por debaixo dos 30 anos.

Os positivos, relacionados con dúas variantes da cepa brasileira, nalgún dos casos carecían de relación coñecida co resto de contaxiadas, “que é o que máis nos preocupa”, explicaba o presidente. “Esta situación obriga a redobrar esforzos de cribado, imos facer un estudo minucioso dos positivos e dos seus contactos e imos incrementar cribados de forma específica entre a poboación menor de 30 anos”, sinalou o presidente da Xunta, que quedou pendente de que a autoridade sanitaria determine o cribado que cómpre facer.

Cifras da Covid na Galiza

Segundo a actualización realizada esta quinta feira, 15 de abril, pola Consellaría de Sanidade, con datos recollidos até as 18 horas da cuarta feira, os casos activos mantéñense en ascenso e suman 39 en 24 horas, fechando un semana de subida constante e elevándose aos 2.439. Así, son 199 os novos contaxios, o que supón un aumento de 41 desde a cuarta feira. A presión hospitalaria descende en dúas persoas e sitúase en 182 ingresadas, e un total de 25 enfermas continúan na UCI.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria baixa na de Vigo, así como na da Coruña, onde hai sete pacientes menos ingresados; mentres que se mantén na de Pontevedra-O Salnés; e sobe en de Ferrol, Santiago-O Barbanza, Lugo e Ourense. As infeccións activas aumentan en seis das sete áreas: Ourense, suma 13; Vigo, 10; Pontevedra-O Salnés, nove; Lugo, sete; A Coruña-Cee tres; e Ferrol unha máis; mentres que baixan na área de Santiago-O Barbanza, con catro menos.
A pandemia deixa até o momento 2.371 persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza, despois de informar Sanidade da morte dunha muller de 78 anos.