Dúas testemuñas corroboran na Audiencia Nacional a versión de Carlos Calvo

O independentista negou as acusacións da Fiscalía de ser responsábel dun artefacto en Vigo en outubro de 2011. Calvo Varela asegura que nesas datas estaba en Lugo.

 

O independentista Carlos Calvo negou esta cuarta feira na Audiencia Nacional que el fose responsábel do artefacto que en outubro de 2011 estoupou nun caixeiro de Vigo, rexeitando así a acusación da Fiscalía, que pide para el 16 anos de cárcere por eses feitos que atribúe ao xornalista de Ordes. Calvo Varela negou na primeira sesión do xuízo que estivese en Vigo nesa data, afirmando que estaba en Lugo en compaña de dúas amigas, no marco das Festas de San Froilán e acudindo a un concerto de música de ‘Lamatumbá’, segundo reportan axencias españolas. Axencias que transcriben o nome deste grupo galego como ‘La Matumbá’.

Esas persoas en calidade de testemuñas ratificaron esta versión nesta primeira sesión do xuízo. O fiscal Carlos Bautista pide un total de 16 anos de cárcere, 8 por tenza de explosivos e outros 8 por pertenza a organización terrorista. O independentista, que leva máis de 2 anos en réxime de isolamento e sometido a dispersión - pasou xa por 6 prisións, todas a centos de quilómetros de Galiza- negou sempre relación algunha cunha presunta Resistencia Galega.