Dúas semanas máis por diante de aumento da Covid na Galiza

Colas para se facer unha PCR nunha imaxe de arquivo (Foto: Arxina)
Haberá que agardar dúas semanas máis até que a actual vaga do coronavirus, a sexta, acade o seu pico na Galiza e principie a súa desescalada. Así o consideran expertos consultados por Nós Diario, que apuntan a que se ben a presión hospitalaria é menor que noutras ondas, 500 persoas ingresadas é unha cifra "a ter en conta".

A pasada sexta feira, día 7, o conselleiro de Sanidade apuntaba, con cautela, que a sexta vaga da Covid podería acadar o seu pico na Galiza entre 15 e 18 de xaneiro. Porén, os cálculos e estimacións de expertos e expertas consultadas difiren das datas ofrecidas por García Comesaña e, tamén con cautela, sinalan cara a finais deste mes como o momento no que a actual onda comezará a retroceder.

"En dúas semanas o lóxico é que comece a baixar" o nivel tan alto de pandemia, apunta a Nós Diario Luis Vázquez, médico especialista en análises clínicas. "Notamos xa que moi pouco a pouco a porcentaxe de positivos en probas PCR que facemos baixa, mais aínda segue a ser alta, por riba de 30%", sinala.

Ignacio Ramil, xefe de Medicina Interna do Hospital Modelo da Coruña, lembra a Nós Diario que estamos por riba dos 70.000 casos activos, "algo que supera as previsións".  O seu prognóstico é que o virus nesta sexta vaga aínda ten percorrido para seguir a aumentar: "Esta semana e a que vén continuará a incrementar". 

Non son opinións illadas. Rafael Ortí, da Sociedade española de medicina preventiva, considera que "o normal" é que "para finais de xaneiro se produza unha baixada" de contaxios e casos.

"Punta do iceberg"

"Ademais da explosión de casos que estamos vendo, estou segura de que hai e haberá moitos asintomáticos", afirma África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, a preguntas deste medio. 

González apela á cautela ante a pregunta de como pode ser a evolución a curto e medio prazo. "Hai quen fala de endemia, mais a día de hoxe seguimos nunha situación de pandemia clara".

Presión nos hospitais

Estas semanas que fican de novos contaxios, incidencia e máis casos activos poden supor un risco para o sistema sanitario galego en termos dunha presión hospitalaria inasumíbel? Os expertos e expertas consultadas consideran que non se vai chegar a ese escenario, o que non evita que deba preocupar que haxa medio millar de persoas ingresadas como consecuencia do coronavirus.

"A nivel hospitalario estamos a controlar esta pandemia relativamente ben, a porcentaxe xa non é a de vagas anteriores", explica Luis Vázquez, que di que das persoas contaxiadas coa Covid menos de 1% precisan hospitalización. Onte, día 11, o coronavirus mantiña 48 persoas na UCI e 462 en unidades de hospitalización.

Ramil partilla que a taxa de impacto hospitalario é moito máis baixa que nas ondas precedentes mais apela a non perder de vista que 500 persoas hospitalizadas "é un número importante" e que implica, "loxicamente", atencións, medios, persoal...

Novas vagas e novos virus?

López Hoyos, da Sociedade española de inmunoloxía, auguraba nunha recente intervención que  após a Ómicron virán novas variantes, menos agresivas e de menor impacto hospitalario. "É a evolución lóxica de calquera virus", acrecentaba.

África González di que co SARS-CoV-2 pasou o que "pensabamos que ía pasar: fíxose máis contaxioso pero menos letal". Mentres, Luis Vázquez ve o futuro do coronavirus "como unha enfermidade estacional como pode ser a gripe e os grupos de risco tendo que se vacinar todos os anos". Advirte, iso si, que o feito de que grande parte da poboación mundial siga sen ser inmunizada coa vacina implica "o risco de que en tres ou catro meses enfrontemos unha nova mutación". 

Pola súa parte, Ramil confía en que entre vacinados e xente que superou o virus se logre un escudo inmunitario contra a Covid: "Dígoo coa boca pequena, pero a ver se este xa é o derradeiro partido".