Centos de mortas

Dúas persoas galegas entre as vítimas dos atentados de Sri Lanka

Máis de 290 persoas asasinadas nos ataques de Sri Lanka

Confírmase o falecemento de dúas persoas galegas nos atentados que se produciron a pasada fin de semana en Sri Lanka, que deixan máis de 290 asasinadas e medio milleiro de persoas feridas.

Os ataques terroristas acontecidos en Sri Lanka na pasada fin de semana acabaron coa vida de máis de 290 persoas, entre as que se confirmou que se atopan dúas persoas galegas. María González Vicente, veciña de Pontecesures e Alberto Chaves, de Rianxo. Segundo informou Juan Manuel Vidal, alcalde de Pontecesures, a parella atopábase de vacacións no país.

 

Desde o Ministerio de Exteriores confirmaron a identidade de ambos e o corpo diplomático do Estado español notificou o falecemento ás súas familias.

 

Prevese no concello de Pontecesures a realización dun pleno para decretar tres días de loito e a celebración dunha concentración de duelo.

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, amosou o seu pesar polo falecemento e trasladou o seu agarimo á familia. Gonzalo Caballero e Ana Pontón tamén amosaron a súa solidariedade e apoio ás familia e amizades das vítimas.

 

Os atentados acontecidos nesta fin de semana dirixíronse contra tres igrexas, catro hoteis e un complexo residencial cando se estaba a celebrar a festividade relixiosa do Domingo de Resurrección. Os tres hoteis e unha das igrexas están situados na localidade de Colombo e outro dos templos en Katana. A terceira igrexa atacada está en Batticaloa. Ao sur da capital detonou outra bomba nun hotel e a derradeira explosión tivo lugar nun complexo residencial e hoteleiro tamén situado en Colombo.

 

O goberno de Sri Lanka sinalou esta segunda feira a un grupo xihadista local como autor dos atentados e que, ao mesmo tempo, tería conexións internacionais, e que buscarían causar o maior número de mortes posíbeis durante a celebración da festividade católica.

 

As autoridades de Sri Lanka confirmaron esta segunda feira a inmolación de varios atacantes.Após as primeiras investigacións policiais, atopáronse 87 detonadores agochados na maior estación de autobuses da cidade de Colombo e un artefacto fixo explosión no momento en que un grupo de expertos policiais procuraba desactivalo no interior dunha das igrexas onde se produciran os atentados o día anterior.