Dúas persoas feridas pola fuxida dunha vaca no desfile de gando do San Froilán

Desfile do gando do San Froilán,e ste 5 de outubro en Lugo. (Foto: Deputación de Lugo)

Unha muller de 31 anos permanece ingresada na UCI do HULA tras ser golpeada por unha res, mentres que unha nena sufriu feridas leves ao caer polo susto.

O tradicional desfile de gando do San Froilán de Lugo estivo este domingo marcado por un grave incidente cando unha vaca de raza autóctona, de gran tamaño, fuxiu desbocada pola rúa Bispo Aguirre, que nese momento se atopaba ateigada de xente, causando momentos de enorme nerviosismo entre o público e deixando dúas persoas feridas.

Segundo recolle El Progreso, os feitos tiveron lugar ao remate do desfile, cando o animal, visibelmente alterado, escapou do control do seu manexador e iniciou unha carreira veloz por unha das rúas máis concorridas do centro da cidade.

Durante a súa fuxida, outra vaca asustada pola situación golpeou unha muller de 31 anos, que caeu ao chan e sufriu unha forte ferida na cabeza. Foi atendida de urxencia no lugar por efectivos da Policía local e española, que formaron un cordón de seguridade e protexeron a vítima cuns parasois de terraza mentres chegaban os servizos sanitarios. A muller foi trasladada en ambulancia ao Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula), onde permanece ingresada na UCI en estado grave.

Ademais, unha nena resultou ferida leve tras caer ao chan polo susto ao ver o animal correndo. Foi atendida no propio lugar por outra ambulancia.