Dúas novas mortes elevan a 2.481 as vítimas da Covid na Galiza, mentres aumenta a positividade

Unha muller mostra o seu certificado de vacinación nun estabelecemento hostaleiro de Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Son 2.481 as vítimas mortais na Galiza coa Covid-19. Este 4 de agosto notificáronse dous novos decesos. Mentres, a Galiza volveu superar o milleiro de positivos detectados nunha xornada. Os novos contaxios repuntan a 1.041 (204 máis que o día anterior).

O número de vítimas mortais ligadas á pandemia da Covid-19 na Galiza ascendeu esta cuarta feira, 4 de agosto, a 2.481, tras notificarse dous novos falecementos nas áreas sanitarias de Vigo e Ourense nas últimas horas.

Así, fontes de Sanidade informaron do falecemento dunha muller de 79 anos de idade á que diagnosticaran coronavirus e que permanecía ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Igualmente, confirmouse o falecemento dun home de 78 anos de idade, ingresado no Hospital Povisa de Vigo. Tanto este paciente como a muller, presentaban patoloxías previas, segundo informou a Consellaría de Sanidade.

A positividade segue en aumento

A Galiza volveu superar o milleiro de positivos detectados nunha xornada, após baixar desa cifra na segunda e a terza feira. Así, segundo o último informe publicado pola Consellaría de Sanidade, con datos até as 18 horas da cuarta feira, os novos contaxios repuntan a 1.041 (204 máis que o día anterior).

E sobe a taxa de positividade das Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA), cun dato de 15% que triplica o limiar de 5% recomendado para controlar a transmisibilidade.

Pola contra, continúan en descenso as infeccións activas, que caen a 18.622 (-149). Tamén baixa a incidencia acumulada,  que fica aínda en valores elevados tanto a 14 días (649 casos por cada 100.000 habitantes) como a 7 (281).

Por áreas sanitarias, os casos activos medran en tres e decrecen nas outras catro. Así, Vigo fica á cabeza con 4.646 (+56), seguida da Coruña-Cee, con 4.144 (+53); Pontevedra-O Salnés, con 2.703 (-191); Compostela-O Barbanza, con 2.216 (-44); Lugo-A Mariña-Monforte, con 2.212 (-19); Ourense-Verín-O Barco, con 1.664 (-51), e Ferrol, con 1.037 (+47).

Nas residencias de maiores, pola súa banda, redúcense as infeccións a 29 (-3), mentres nos centros de atención á diversidade non varían os 32 contaxios da xornada anterior.

No que atinxe á presión asistencial, a diminución dos ingresos en planta, con 257 doentes hoxe (-4) contrarréstase co incremento que sofren as unidades de críticos, onde hai 46 pacientes internados (+4).

Nesta repunta que experimentan as UCI inclúense tres dos doce tripulantes do pesqueiro de capital galego e bandeira británica 'Manuel Lara', atracado en Vigo. Outros seis mariñeiros, que resultaron positivos, atópanse a bordo do barco —procedente de Irlanda— en situación de corentena.

Case 80% da poboación ten unha dose da vacina

Até o momento 1.756.317 galegos e galegas contan xa coa pauta completa da vacina contra a Covid-19 (71,5%), e até 1.961.194 recibiron, cando menos, unha dose (79,9%). O Servizo Galego de Saúde (Sergas) avanza coa inmunización do colectivo de 20 a 29 anos, precisamente o que está a rexistrar uns valores de incidencia de contaxios máis elevados.

Dada esta circunstancia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciou que se abrirán "nos vindeiros días" até 25.000 prazas para a autocita destinada a mozos e mozas de entre 16 e 22 anos.

O alivio das restricións, a mediados de agosto

Noutra orde, o mandatario galego afirmou, tras o último encontro do Comité Clínico, que as autoridades sanitarias agardan que na terceira semana de agosto poidan iniciar a desescalada diferentes municipios do país.

"Moitos concellos, incluídas algunhas cidades, van baixar a niveis medios se todo segue así", avanzou, ao tempo que advertiu que un posíbel alivio das restricións "dependerá do comportamento social, de non facer botellóns e non favorecer o espallamento do virus con actitudes pouco seguras nas reunións sociais".

Cómpre lembrar que a partir das 00.00 horas deste sábado nove concellos ficarán no nivel máximo —Baiona, Burela, Foz, O Grove, Meaño, Monterroso, Muros, Sanxenxo e Viveiro—, e outros 62 no alto —entre eles as sete cidades—, que implican maiores limitacións na hostalaría e o fechamento do lecer nocturno. Aliás, 54 municipios pasarán ao chanzo medio, e nos 188 restantes rexerá o medio-baixo.