Dúas mulleres asasinadas pola violencia machista en Elche

O autor do dobre feminicidio fora absolto con anterioridade por malos tratos psicolóxicos. 

 

Na segunda feira (12 de xaneiro) producíronse os dous primeiros feminicidios do ano no Estado español. Foi en Elche (País Valenciá). Teresa e Natividad F.S. (de 70 e 64 anos) foron asasinadas polo ex-compañeiro dunha delas na pedanía de Balsares. O presunto asasino teríase suicidado posteriormente.

As estatísticas oficiais só computan o crime dunha das mulleres por non ter existido unha relación afectiva entre o agresor e a irmá desta  

Segundo informaron fontes policiais á axencia de noticias Europa Press o crime tería sido cometido cun obxecto contundente embora non trascenderen as características do mesmo. 

O home fora denunciado en novembro de 2013 por malos tratos psicolóxicos mais resultara absolto. Porén, xa lle fora imposta unha orde de afastamento con anterioridade a esa denuncia mais que non continuaba en vigor de acordo coa información ofrecida polo Concello de Elche. 

Ao igual que aconteceu co duplo feminicidio de Cervo, onde un home asasinou a Adela Ramos e María José Suárez, nas cifras oficiais non aparece computada a irmá da ex-compañeira do agresor como se reflicte na estatística publicada polo Ministerio español de Sanidade por non existir ou ter existido unha relación afectiva entre ambos.