Dúas horas de percorrido en cadeira de rodas por non haber ambulancia adaptada

Foto de Laura R. Cuba.

Uxío Diz, veciño de Compostela, tivo que realizar 10 quilómetros na cadeira para ser atendido dunha urxencia no CHUS, ao que non puido ser trasladado en ambulancia por, afirma, non estar dispoñíbel ningunha adaptada.

Entre o centro de saúde de Vite, na entrada norte de Santiago, e o Hospital Clínico Universitario, no sur da capital de Galiza, hai 5 quilómetros de distancia. Un percorrido pequeno para facer en transporte, mesmo sen dificultade para facer unha persoa a pé mais difícil para ter que facer nunha cadeira de rodas. É o que tivo que realizar, segundo el propio denuncia, un veciño de Compostela, Uxío Diz para ser atendido dunha urxencia.

 

Esta persoa, que sofre artogripose, un síndrome que lle afecta nas articulacións e que lle impide moverse por si mesmo, dirixiuse o pasado 5 de marzo ao seu centro de saúde de referencia, en Vite, para ser atendido dun problema circulatorio nun pé.

 

“A doutora atendeume e decidiu derivarme a cirurxía vascular no Complexo Universitario de Santiago para ser atendido por urxencias”, afirma Diz. Mais, sinala, non había ambulancias habilitadas para o transportar até o complexo hospitalario, a 5 km de distancia. “Non podía meter a cadeira e sen ela non me podo mover”, explica.

 

As posibilidades de usar transporte público para realizar o percorrido estaban fanadas. “En Santiago se non vas acompañado non che facilitan a rampla de acceso ao autobús urbano, algo contra o que presentei reclamación pois ese requisito non se entende e non se exixe noutras cidades galegas”, di.

 

Así pois, sen posibilidade de ter acompañante, tivo que realizar o percorrido do centro de saúde ao Hospital na súa cadeira de rodas eléctrica. “Levoume unha hora chegar”, afirma, tempo ao que engadir a hora de retorno á súa morada. Un percorrido que tivo que facer nunha xornada de tempo desagradábel e sorteando diferentes impedimentos urbanísticos.