Dúas baleas mortas nas costas galegas en 24 horas

Imaxe: Salvamento Marítimo

En Bueu e Oia.

Aparecen dúas baleas mortas nas costas galegas en apenas 24 horas, esta sexta feira no Porto do Costado (Oia) e o día anterior en Beluso (Bueu). Foron uns mariñeiros quen esta quinta feira descubriron aboiando no mar o cadáver dun cetáceo de case 20 metros de longo e que acabou sendo remolcado até o porto de Marín por unha embarcación de Salvamento Marítimo. A hipótese apontada é que o cetáceo, en avanzado estado de descomposición, morreu por mor dunha colisión cun buque de gran tamaño pois tiña a columna vertebral quebrada.

 

Ao día seguinte, o corpo dunha balea de 20 metros de longo e unhas 30 toneladas de peso apareceu varado no Porto do Costado, Oia, onde foi descuberto por un veciño, que procedeu a avisar aos servizos de emerxencias. Até a zona desprazouse tamén persoal da  Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), que determinou que a balea podía levar 24 horas morta.


Ao longo de 2017 producíronse en Galiza varios avistamentos de diferentes tipos de baleas, entre eles cinco da gran balea azul (Balaenoptera musculus), de rorcuais comúns (Balaenoptera physalus), rorcuais de ás brancas (Balaenoptera acutorostrata), rorcuais boreais (Balaenoptera borealis) e xibardas (Megaptera novaeangliae).