O ano galego de bombas contra barcos baleeiros

Barcos baleeiros

Dúas bombas lapa magnéticas afundían en 1980 no porto de Marín dous barcos dedicados á caza de baleas, unha actividade con longa tradición en Galiza e que nesa altura de finais dos setenta e principios dos oitenta centraba crecentes críticas e oposición en todo o planeta. O noso país foi unha das frontes desa batalla.

O 27 de abril de 1980 dous barcos baleeiros, o Ibsa I e o Ibsa II, amarrados no porto de Marín e a piques de partir para Cangas para desde alí comezar unha nova campaña da caza de baleas, ían a pique. A causa, dúas bombas lapa magnéticas adosadas ao casco dos barcos e que afundiron ambos os dous en cuestión de minutos e sen causar vítimas persoais pois a tripulación non estaba a bordo neses momentos. Unha acción sorprendente e contundente e pola que, case 40 anos despois, ninguén foi xulgado.

 

Houbo sospeitas, si, e non poucas, centradas en Sea Shepard, colectivo ambientalista que apostaba pola acción directa e fora fundada por un dos impulsores de Greenpeace, Paul Watson. Mais nunca se puido demostrar nada. Sea Shepard mantén na súa web unha información sobre aquela acción en Marín, que eles sitúan en Vigo, afirmando que fóra polas violacións da cota de caza de baleas da frota galega. Con anterioridade, un barco desta organización abordara un baleeiro portugués.

 

A batalla galega

 

Non fora este o único incidente. Galiza era, daquela, unha das frontes abertas na guerra contra a caza de baleas que se desenvolvía en diferentes partes do mundo, a inmensa maioría das veces de forma pacífica. O barco baleeiro Ibsa I xa fora obxecto dun ataque en 1978 cando estaba no porto de Corcubión.

 

O terceiro buque desa linaxe de baleeiros de Industria Ballenera S.A, Ibsa III, foi fustigado en 1980 polo ‘Rainbow Warrior’, de Grreenpeace, que trataba de impedir a súa actividade de caza de cetáceos. De feito, o emblemático buque de organización ecoloxista foi apreixado o 18 de xuño dese ano por unha fragata da Armada española que o levou para o porto de Ferrol. Alí estivo cinco meses amarrado, acusado de entorpecer a captura de baleas de buques galegos. Ata que, nunha acción propia dun filme de aventuras, a tripulación do Rainbow Warrior logrou fuxir co barco, despistando 2 patrulleiras españolas e chegando a Normandía.

 

Máis de 10.000 cetáceos despezados en factorías galegas

 

Eran anos nos que a loita na defensa das baleas e contra a súa caza estaban no punto álxido. En 1946 creábase a Comisión Baleeira Internacional (CBI) para regular a caza e comercio de cetáceos. O Estado español refugou adherirse a este organismo até 1979. As acusacións de que a frota galega e española violaba as cotas que tiña asignadas eran constantes.

 

En 1985 entraba en vigor a moratoria internacional da caza de baleas. Nese ano en Galiza estaban activas factorías dedicadas a esta labor en Cangas e Cee. Era o que ficaba dunha industria e dunha frota importante. Na segunda metade do século XX había tres factorías baleeiras activas no noso país, segundo lembraban no blog de Axena: Caneliñas en Cee (1951-1985), Baleira en Cangas (1955-1983) e Cabo Morás en Xove (1965-75).

 

Neses anos despezáronse 6.337 cachalotes, 4.686 roncuais comúns, 291 norteños, 17 baleas azuis e 2 baleas xorobadas. Para abastecer estas fábricas baleeiras había unha frota en activo de case unha decena de buques que se dedicaban a cazar baleas, algúns con arpóns en quente (con cabeza explosiva).

 

Galiza, tradición baleeira

 

Entre a Idade Media e 1985 até 18 portos galegos chegaron a se dedicar á caza de cetáceos. O primeiro rexistro documental que permite albiscar esta actividade en Galiza é de 1.288: un escrito no que o Rei Sancho IV ordena ao abade de Sobrado dos Monxes que non perdoase o dezmo da baleación ao porto de Prioiro.

 

Desde entón abondan as testemuñas que dan conta desta pesca. O Licenciado Molina na súa ‘Descripción del Reyno de Galicia’ de 1550 refírese ao porto de Caión como experto nesta actividade, explicando que era xaneiro e febreiro cando máis se practicaba esta caza. Jerónimo del Hoyo, en 1600, afirmaba que Malpica era “o porto onde se pescan máis baleas de toda Galiza”.

 

Mais estas testemuñas non aparecen só en libros, tamén en tradición oral, en escudos, toponimia ou na memoria popular e pegada histórica en diferentes vilas. Ou en arquitectura, como os osos alongados de balea que até non hai tanto facían de trabes nun muíño, segundo a SGHN.

Nada fica xa daquela actividade . Un dos últimos buques baleeiros galegos, o IBSA I (un dos afundidos en Marín) foi trasladado en 1989 a Sandefjord, Noruega, onde o converteron nun museo flotante sobre a caza de baleas. Unha actividade cuxa memoria en Galiza apágase en silenzo.