Mobilidade

Os dramas das segundas feiras

Xa son 34 o número de falecementos nas estradas galegas no que vai de 2019. Este tráxico índice, que até hai cinco anos foi diminuíndo desde o pico atinxido a finais da década dos 80, non só se está a estancar, senón que mesmo volve aumentar respecto do ano anterior. Fíxoo en 2018 e a tendencia mantense. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 346 do semanario en papel Sermos Galiza.

Despois dunha drástica diminución que principiou a comezos da década dos 90, a cifra de mortalidade asociada aos accidentes de tráfico está a experimentar un lixeiro repunte en Galiza. O ano pasado concluíu con máis falecementos que 2017, e os datos dos catro meses e medio consumidos deste 2019 fan predicir un incremento de defuncións ao remate do ano. Unha das últimas estatísticas elaboradas pola Dirección Xeral de Tráfico reflicte un importante incremento de mortes nas estradas galegas. A esta altura de 2018, foran 18 as persoas que perderan a vida en accidentes de circulación; neste curso son xa 34, o que fai de Galiza o territorio, despois da Comunidad de Madrid, con maior incremento de vítimas mortais (16 por 17).

 

Trátase, e así o manifesta a portavoz de Stop Accidentes Galiza, Jeanne Picard, dun problema de saúde pública e, recalca, “a primeira causa de mortalidade entre a nosa mocidade”. Desde hai tempo, as administracións e os organismos internacionais como a Organización Mundial da Saúde veñen poñendo o foco neste drama. Este interese substánciase en planos de actuación que procuran a redución da sinistralidade nas estradas. En Galiza está en vigor o Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, que, seguindo os criterios marcados polo Plan Mundial para o Decenio de Acción de Seguridade Viaria 2011-2020, persegue un obxectivo concreto: lograr unha taxa de 34 falecidos por millón de habitantes o vindeiro ano.

 

As autoridades galegas decidiron estender esta meta á sinistralidade de todas as estradas localizadas no territorio, e non só ás de competencia autonómica. Con todo, o obxectivo de reducir á metade o número de vítimas mortais (tomando como base as 186 do ano 2011), segue lonxe de se cumprir. A intención de situar en 34 o número de vítimas mortais por millón de habitantes en 2020 é, segundo sinala o último informe de seguemento do plan (aprobado en outubro pasado), atinxíbel, mais non o será a curto prazo. Após un descenso continuado até 2015, en 2016 volveu medrar, até as 141 vítimas (52 por millón de habitantes). Os últimos datos pechados, correspondentes a 2017, sitúan a taxa en 43, e o ano pasado tamén aumentou. Galiza tamén sae perdendo na comparación co conxunto do Estado español e, se ben se produciu unha evolución positiva, aínda se atopa catro puntos por riba na taxa de falecementos por accidente de tráfico e millón de habitantes (43 por 39). Tampouco é especialmente esperanzador o balance de accidentes con vítimas: dos case 6.000 rexistrados en 2011 pasouse en 2017 a 4.629, se ben é certo que desde o ano 2011 (3.231) este indicador non deixou de subir.

 

Respecto ás normas

 

A responsábel de Stop Accidentes en Galiza, Jeanne Picard, recoñece que a sinistralidade “baixou moitísimo a partires dos anos 90, mais”, precisa, “ese descenso non está a ter continuidade”. Hai diversos factores que explican a accidentalidade, aínda que hoxe en día causas como o estado e o deseño das estradas, unha sinalización deficiente ou a antigüidade do parque automobilístico xa non son, polo xeral, tan decisivas como hai anos.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 346 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]