Down Galiza denuncia a Consellaría de Educación por unhas axudas "discriminatorias"

Delmiro Prieto, presidente de Down Galiza. (Foto: Nicolás Gómez Carballo)
"Non existe motivo razoábel nin proporcionado para entender que, en canto a unha prestación de carácter económico coa finalidade desta orde, un grao de discapacidade poida supor, a priori, máis ou menos axuda en libros de texto e material escolar entre alumnado con necesidades específicas de apoio educativo similares", censuran desde a entidade.

A Federación Down Galiza fixo pública esta terza feira unha denuncia presentada contra a Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades polas axudas "discriminatorias" para adquirir material escolar. A entidade interpuxo un recurso contencioso-administrativo contra a convocatoria das axudas para adquirir libros de educación Primaria, Secundaria e Especial, en centros docentes que reciben fondos públicos, que publicou o DOG o pasado 10 de maio.

O presidente de Down Galiza, Delmiro Prieto González, cualificou de "discriminatoria" esta orde por non respectar as condicións de "igualdade ante a lei" dos cidadáns. "O motivo non é outro que a clara discriminación da normativa cara ao alumnado que aposta pola educación inclusiva, xa que vulnera claramente os seus dereitos fundamentais", trasladou a Federación.

Esta orde incorpora un réxime diferenciado e específico nas axudas de libros para o alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial de centros ordinarios, e para o alumnado regular cunha discapacidade igual ou superior a 65%. "En primeiro lugar, a orde indica que para o alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos, a contía das axudas será de 300 euros con independencia da renda per cápita da unidade familiar", argumentan desde a entidade.

E o seu presidente subliñou que os que reciben a contía máis alta en educación especial é "sen ningún tipo de requisito máis que estar matriculado nun centro de educación especial ou análogo". Por tal motivo, considerou a orde de "discriminatoria" porque "a contía da axuda para o alumnado con discapacidade escolarizado en educación ordinaria dependerá da renda per cápita da unidade familiar, e non alcanza en ningún momento a cantidade máxima".

"O alumnado escolarizado en centros ordinarios está, por tanto, menos apoiado que o matriculado en centros de educación especial ou similar", profundou Prieto, en referencia á falta de "igualdade" dos alumnos con discapacidade que deciden elixir a educación inclusiva en centros ordinarios. En consecuencia, Down Galiza considerou que a diferenciación por mor do grao de discapacidade é "inaceptábel", porque para eles "non existe motivo razoábel nin proporcionado para entender que, en canto a unha prestación de carácter económico coa finalidade desta orde, un grao de discapacidade poida supor, a priori, máis ou menos axuda en libros de texto e material escolar entre alumnado con necesidades específicas de apoio educativo similares". Lamenta que levan vivindo esta discriminación durante unha década.

Por outra parte, a entidade considerou que a orde contravén o dereito á educación inclusiva recollido na Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade, ratificada polo Estado español no ano 2007. Esta mesma lei foi ratificada polo Parlamento da Galiza no ano 2008 e é de obrigado cumprimento. Para Down Galiza, "a normativa galega fomenta o réxime da educación segregada, contradicindo os artigos 14 e 27 da Constitución española e a xurisprudencia do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo existente na materia".