DIVERSIDADE FUNCIONAL

Down Galiza adiántase aos recortes e demanda unha aposta firme na inserción laboral

Confían en que os axustes do Goberno español non afecten aos programas de 'Emprego con Apoio', e lembran á Xunta que esta modalidade supón un aforro a respecto do emprego protexido nunha vida laboral de 20 anos

Down Galiza sobe ao carro das organizacións que se queixan da erosión dos dereitos sociais coa campaña de recortes emprendida pola dereita española e amparada pola dereita galega. A través dun comunicado, a federación --en que se integran sete institucións de síndrome de Down do país-- manifesta a esperanza de que os axustes orzamentarios do Goberno español "non afecten" ao impulso dos programas de Emprego con Apoio, destinados á inserción laboral das persoas con diversidade funcional.

Até o de agora, estes programas --que levan máis dunha década en vigor-- estiveron apoiados polo Executivo autonómico. Down Galiza lembra no seu escrito que unha persoa que traballa nun Centro Especial de Emprego custa á Administración un mínimo de 7.500 euros/ano durante toda a súa vida laboral mentres que unha persoa que traballa mediante Emprego con Apoio custa o primeiro año 9.000 euros, o segundo 6.000 euros e o terceiro e sucesivos 4.500 euros, o que supón un 36% de aforro a respecto do emprego protexido se tomamos como exemplo unha vida laboral de 20 anos, e un 44% de aforro nunha vida laboral de 30 anos.

Por isto, agardan que desde a Xunta de Galiza non só non se supriman estes programas, mais que se faga "o esforzo para mantela e mellorala". E engaden que as persoas con discapacidade intelectual que traballan na empresa ordinaria non supoñen ningún gasto ao Sistema de Atención á Dependencia (SAAD) e contribúen de xeito activo coas cotizacións ao sistema de Seguridade Social e pagando impostos ao erario público.