O doutor Esteban Sinde é cofundador do Grupo Hifas

Esteban Sinde: “Non podemos querer ser vangarda tecnolóxica investindo a metade do que outros países"

Esteban Sinde Pompei, director de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Grupo Hifas. (Foto: Nós Diario)
O Grupo Hifas, unha empresa da incubadora BioincubaTech, que é  promovida pola USC, vén de elaborar un nutracéutico a partir de fungos medicinais. Trátase dun estudo pioneiro no eido da oncoloxía que está en marcha agora mesmo no Hospital Universitario de Ourense con 144 pacientes. O cofundador e director de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Grupo Hifas, o doutor Esteban Sinde Stompel, explica e analiza a importancia desta investigación.

-En que consiste esta investigación que o Grupo Hifas está a levar a cabo?

Este é un proceso no que levamos anos a traballar, e agora chegou á súa culminación. Comezou co illamento de cepas de fungos medicinais e a aplicación de procesos de fabricación para obter o que se coñece como extractos dos fungos e concentrar os principios activos dos mesmos. Logo se leva a cabo a fabricación dun complemento nutricional que ten capacidades terapéuticas específicas para os pacientes de cancro. É un produto que xa leva anos no mercado, mais que para consolidarse como produto de soporte ao paciente oncolóxico estaba esperando a chegada dun ensaio clínico, que é no que estamos nesta fase. No noso caso, ao ser un complemento nutricional, non era un requisito legal, mais obviamente abala de xeito notábel as capacidades terapéuticas do produto.

Que ten de novidade a investigación con respecto a outras liñas de traballo que se seguiron con anterioridade neste eido da medicina?

O novidoso desta versión do produto é que traballa en varios aspectos terapéuticos de modo sinérxico. A principal función dos fungos é a inmunomodulación. Fortalecen e favorecen a resposta do sistema inmune do paciente ante as células canceríxenas. Iso é con respecto á resposta inmune innata e adaptativa do ser humano. Ademais, temos unha nova formulación na que se introducen prebióticos, probióticos e postbióticos. Isto fai que actúe de xeito directo sobre a microbiota dese paciente oncolóxico. Hoxe en día sabemos que ese aspecto é fundamental para que os fármacos empregados teñan a mellor eficacia.

-Cal é a relación existente entre a microbiota intestinal e o avance do cancro colorrectal?

O cancro colorrectal é un tipo de cancro que está bastante vinculado a procesos de alimentación ou reaccións intestinais provocadas polos hábitos das persoas. É moi posíbel, tal e como apuntan estudos, que se se desencadee por desequilibrios derivados destas reaccións e procesos intestinais. Ademais, hai estudos actuais que demostran que aqueles pacientes que teñen unha microbiota equilibrada curan nunha porcentaxe moi superior a aqueles que non a teñen. A relación é dupla. Tanto nos procesos de prevención da aparición de cancro colorrectal como no propio tratamento, que é no que se está a basear o noso ensaio clínico. Para que as medicinas e os fármacos convencionais actúen mellor tamén nos grupos de pacientes de cancro colorrectal que xa presentan unha microbiota moi deteriorada.

-Cales son os seguintes pasos a seguir?

Agora mesmo, os hospitais implicados, como o Hospital Universitario de Ourense, está a levar a cabo o proceso de recrutar os pacientes para que comecen a consumir o produto. Até que este proceso de recrutamento non remate, non se terán os resultados clínicos do ensaio.

-Contan co apoio suficiente por parte das institucións para levar a cabo as súas investigacións?

É unha reclamación por parte de todo o sector científico desde hai anos. A Galiza e o Estado seguen a estar moi á cola de todo o que é o I+D+i, tanto a nivel empresarial como público, no conxunto de Europa. Penso que invertemos a metade do que invisten países como Alemaña. O obxectivo europeo é chegar a un 3% do PIB e poucos países chegaron a el. O Estado español sempre está por debaixo do 1,5%. A resposta é claramente insuficiente. Non podemos estar na vangarda tecnolóxica de practicamente ningún sector se investimos a metade do que invisten o resto de países en materia de innovación e investigación constantes.