Dous terremotos sacoden o Atlántico fronte á costa do Barbanza

Hipocentro dos terremotos desta terza feira. (Imaxe: Instituto Xeográfico Nacional)
Foron de magnitude 1,9 e 2,4 respectivamente, unha baixa intensidade á que resulta complicado percibilos.

Dous terremotos tiveron lugar nesta terza feira no océano Atlántico fronte á costa do Barbanza, segundo datos que vén de facer públicos o Instituto Xeográfico Nacional.

O maior tremor produciuse durante a mañá, con 2,4 graos na escala de Richter. Produciuse a uns quince quilómetros de profundidade.

O outro sismo tivo lugar contra a medianoite, entre a terza e a cuarta feira, neste caso de magnitude 1,9. Aquí, a profundidade do tremor no Atlántico estaba a só un quilómetro.

Por baixo de magnitude 2 non son perceptíbeis os terremotos, mentres que entre os graos 2 e 3 xeralmente tampouco é posíbel notalos.

Cómpre lembrar que o pasado 15 de agosto unha serie de pequenos sismos fixo tremer a terra Vilariño de Conso, Carballo, Forcarei, Trazo, Frades, Taboada, Lousame e Covelo.