Dous policías de Pontevedra enfróntanse a 7 anos de cárcere por detención ilegal e por falsear un atestado

Xulgados de Pontevedra. (Foto: Xunta da Galiza)

Os feitos aconteceron o 12 de marzo de 2022

A Fiscalía pide 7 anos de prisión e outros 10 de inhabilitación para cada un dos dous policías da Comisaría de Pontevedra que serán xulgados esta terza feira, 12 de setembro, na sección cuarta da Audiencia, como presuntos autores dun delito de detención ilegal e outro de falsidade documental nun atestado.

Segundo se recolle no escrito do ministerio público, os feitos ocorreron o 12 de marzo de 2022, cando unha persoa se presentou de madrugada na Comisaría, para queixarse por unha intervención anterior na que fora identificado, xunto a outras persoas, por facer unhas pintadas na rúa. O home dirixiuse ás dependencias policiais para exixir que se lle pagasen as desfeitas ocasionadas na súa roupa e calzado con motivo desa intervención policial.

O axente que o atendeu, convidouno a ir a un centro médico e a presentar denuncia, pero o individuo marchou da Comisaría de Pontevedra, dando unha forte patada na porta. O policía saíu tras el e agarrouno da roupa para volver introducilo no edificio, onde lle recriminou o seu comportamento e advertiuno de que el non estaba alí para "aguantar imbéciles".

A continuación, o home volveu marchar da Comisaría e, novamente, propinou unha forte patada na porta ao saír. Nese momento, o policía, xunto cun compañeiro (o segundo acusado) déronlle alcance xa na rúa e procederon á súa detención "sen motivo" e "fóra dos supostos legais", segundo sinala a Fiscalía, que apunta que os axentes actuaron a propósito "con infracción dos preceptos legais e constitucionais".

Así mesmo, expón no seu escrito o ministerio público, ao levalo ao calabozo, un dos axentes deulle unha labazada e tirouno ao chan, e logo golpeouno na cabeza, "sen que se causaran menoscabos físicos no detido".

Posteriormente, os axentes elaboraron o atestado da actuación, xustificando o arresto por un suposto intento de agresión do detido "sen ser certo".

Delitos e penas

Por estes feitos, a Fiscalía acusa os dous axentes dun delito de detención ilegal e outro de falsidade en documento oficial, e pide que cada un sexa condenado a 7 anos de prisión, 10 anos de inhabilitación e ao pago dunha multa de 5.400 euros.

A maiores, ao axente que supostamente agrediu o detido, acúsao tamén dun delito leve de malos tratos sen lesión, polo que pide unha multa de 1.125 euros.