Dous novos positivos elevan a tres o número de contaxiados en Castro de Rei, cun edificio en corentena

Máscaras cirúrxicas (Imaxe: Nós Diario)

O número de casos positivos detectados de coronavirus COVID-19 no municipio de Castro de Rei aumenta a tres, após confirmarse na xornada do domingo o primeiro deles. Ademais, un edificio, onde residen unhas 50 persoas atópase en corentena ao acharse alí as persoas contaxiadas.

O alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, confirmou que se trata de "tres casos", pero que por agora "non permiten falar de foco", xa que por parte do Sergas continúan facendo test PCR a todos os xornaleiros.

O edificio onde se aloxan os positivos, en Castro Ribeiras de Lea, "está en corentena", como confirmou o rexedor de Castro de Rei, unha medida que "durará catorce días", abundou.

O alcalde deste municipio, o popular Francisco Balado, manifestou que "existe preocupación na xente", pero a medida que se lles vai trasladando a información á veciñanza, esta vaise "tranquilizando".