Dous millóns de mortes no mundo en 2019 pola contaminación do aire

Contaminación atmosférica en Barcelona (Catalunya) en 2021. (Foto: Enrichetta Cardinale / Institut Ramon Llull)
No caso galego, os datos sinalan que non hai ningunha parte do país que se poida considerar segura, ao superar os límites da OMS.

Máis de 30 millóns de persoas faleceron no mundo entre 2000 e 2019 pola polución, desvela un estudo publicado pola revista científica The Lancet Planetary Health o 5 de xaneiro. Especificamente, estas mortes son atribuíbeis a un dos elementos que causan contaminación no aire, as partículas en suspensión de menos de 2,5 micrómetros de tamaño (PM2,5), uns 0.002,5 milímetros.

Estas partículas teñen unha composición moi variada, pero polo xeral conta con sulfatos, nitratos, amoníaco, cloruro de sodio, feluxe, pos minerais e auga, debulla a Organización Mundial da Saúde (OMS).

Os principais produtores son os vehículos, a industria e sectores como a construción, que lanzan ao ambiente estas partículas que “poden atravesar a barreira pulmonar e entrar no sistema sanguíneo”. Os seus efectos son tan nocivos que a entidade salienta que “non se pode identificar ningún limiar por debaixo do que non se observaran danos para a saúde”.

Para tratar de limitar este impacto, a OMS estabeleceu en 2005 un máximo de 10 μg/m3 de media anual de PM2,5, que delimitaba un marco  relativamente seguro de contaminación, en 2021 está directriz foi actualizada a 5 μg/m3.

A pesar disto, científicos de varias universidades dos Estados Unidos inciden na publicación en que, após estudar 13.160 áreas urbanas de todo o planeta, atoparon que a concentración media nas áreas urbanas a nivel mundial foi de 35 μg/m3, exactamente o mesmo nivel que rexistraran en 2000.

Estes datos triplican os límites da organización no período de estudo, e multiplican por sete o limiar actual. As autoras e autores subliñan que do exceso de 30 millóns de mortes que se pode achacar ás partículas PM2,5 entre 2000 e 2019, 9,6 millóns poderían terse evitado de cumprir os límites marcados pola OMS nese período. Só en 2019, arredor de dous millóns de persoas morreron por esta causa.

Por mor da falta de evolución global deste indicador, tanto en 2000 como 19 anos despois, o 85% dos habitantes en zonas urbanas do mundo viven en áreas que superan amplamente os 10 μg/m3. Apenas o 16% de todas as urbes cumpriron algunha vez neste tempo este límite.

Variacións por continente

Aínda que a media continúa fixa nas últimas dúas décadas, a nivel rexional si que se produciron mudanzas, “as cidades do sueste asiático rexistraron o maior aumento das taxas de mortalidade atribuíbeis a PM2,5, seguidas das cidades do Pacífico occidental”, apuntan. Pola outra parte, a maior diminución levouse a cabo nas cidades de África, seguida das urbes europeas e americanas.

Outro dos aspectos descubertos pola investigación é que o envellecemento da poboación e a situación sanitaria, xunta outros factores demográficos, tamén están relacionados coa mortalidade vencellada á contaminación.

Distintos límites

Malia a gravidade no impacto deste tipo de contaminación, os Estados non sempre respectan os límites fixados pola OMS, optando por marcar normas máis laxas que non impelen as Administracións a tomar medidas directas para resolver a situación.

Este é o caso do Estado español, que fixa un límite de 25 μg/m3 anual, moi por riba da recomendación da entidade sanitaria global, recoñece o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Por iso, se tomamos como referencia as normas estatais, os datos de presenza das PM2,5 na Galiza non infrinxen a lei.

Non obstante, as medicións contidas no informe de 2020 da calidade do aire da Unidade de Observación e Predición Meteorolóxica (Meteogaliza), revelan que todas as cidades galegas están por riba dos límites marcados pola OMS en 2021, incluso chegando a duplicalos no caso de Ferrol, A Coruña ou Vigo.

Asemade, deixando a un lado as cidades, non hai ningunha zona do país que estea por baixo do límite de seguridade de 5 μg/m3, e apenas as comarcas limítrofes do sueste da Galiza están perto desas cifras.

"Na miña opinión, o ideal sería chegar ás propostas da OMS", ratifica Carmen Diego, xefa do servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e membro da Sociedade galega de patoloxías respiratorias.

A doutora explica que estas partículas aumentan a probabilidade de padecer asma, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, cancro de pulmón, ictus, tromboembolia pulmonar ou embolia arterial, e advertiu do perigo de que tantas persoas vivan en lugares cunha contaminación significativa.

O NO2 impulsa os casos de asma

Amais das PM2,5, tamén están presentes na contaminación do aire outros elementos contaminantes, un dos máis perigosos é o dióxido de nitróxeno (N02).

Un estudo recollido pola mesma publicación analiza o impacto nas crianzas con asma deste contaminante emitido polos vehículos, centrais eléctricas, industrias e a actividade agrícola, e determina que en 2019 1,85 millóns de novos casos de asma pediátrica están asociados á concentración deste gas.

En comparación ás zonas rurais faise máis patente o impacto do N02 nas áreas urbanas, pois aínda que este elemento xerou o 8,5% de todos os casos de asma en crianzas, nas cidades este número elévase até o 16% dos casos.