Dous meses sen servizo de psicomotricidade infantil do CHUAC

[Imaxe de arquivo | Asociação Psicomotricidade Coimbra]

O Sergas mantén sen substitución o único posto de especialista que atende 25 crianzas con necesidades específicas.

 

A denuncia parte dunha das familias atinxidas. O seu fillo, unha das 25 crianzas entre 0 e 6 anos usuarias do servizo de atención temperá do Hospital Materno Intantil da Coruña (CHUAC), leva 2 meses sen recibir servizo semanal de estimulación psicomotriz. No concreto, desde que a persoa titular do mesmo ficou de baixa. 

"Despois de agardar o tempo razoábel, entendendo que se podía tratar dunha incapacidade temporal que se estivese prolongando de maneira imprevista, presentamos o 1 de xullo unha reclamación ao Sergas mediante o seu servizo de atención ao paciente", explican Leticia e Carlos, a familia dunha das crianzas atinxidas que decidiu facer pública a situación. Porén, a día de hoxe "non tivemos non sabemos nada", apunta a nai en conversa con Sermos Galiza.  

A súa reclamación mantense, segundo o servizo informático, "en tramitación". Porén, ninguén no Servizo Galego de Saúde deu explicacións nen achegou información algunha a respeito de como será solucionado o problema ou compensado o tempo que as crianzas levan perdido durante estes 2 meses. "O noso fillo, que recibe unha sesión semanal dunha hora, leva neste momento perdidas 11 horas de estimulación", explican. 

Através da estimulación psicomotriz, crianzas con necesidades de atención específica "aprenden a subir escaleiras, camiñar, sentar, abotoarse... dependendo das necesidades de cada persoa", sinala Leticia Barbadillo. Non é o caso do seu fillo mais "pode haber casos en que a vacante lles faga ir para atrás" a respeito da aprendizaxe avanzada durante as sesións. 

"É moi desesperante que se estea a perder tempo de terapia", denuncia Leticia. "A atención que os nenos e nenas reciben da especialista en psicomotricidade resulta de vital importancia para a mellora da súa autonomía e dada a relación directa entre a idade na que se recibe esta estimulación e os resultados obtidos entendemos que a Xunta, ao deixar de cubrir esta praza está a incorrer nunha grande irresponsabilidade", afirma a familia. 

Unha siituación reiterada 

Aliás, narran, esta non é a primeira ocasión na que o servizo fica sen atención. "Hai 3 anos, a Xunta demorou máis do razoábel a cobertura do permiso de maternidade da titular da praza, unha ausencia, por tanto, claramente previsíbel e delimitada". Naquela altura fora nomeada unha persoa substituta "e cesárona, sen previo aviso" sendo que "a profesional enterouse por un SMS [mensaxe de texto] que lle enviou a Seguridade Social informándolle da súa situación de baixa" correspondente ao "período de vacacións malia que despois dese período aínda quedaban perto de dous meses para que a titular se reincorporase ao seu posto". O que, de novo, deixaba as persoas usuarias sen atención. 

"Dá moita raiba", sinala Leticia quen non dubida en sinalar a "discriminación" que supón para "aquelas familias" que, por razóns económicas "non poden permitirse compensar esta atención até que a profesional se reincorpore ao seu posto".