A cifra é maior pola exclusión de pacientes

Dous meses e medio de espera, segundo Sanidade, para unha operación cirúrxica

Consulta de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Foto: CRTVG).

O tempo de espera media para unha operación cirúrxica ao fechamento de 2020 situouse en 72,6 días, despois de alcanzar as 100 xornadas en xuño, coincidindo co final do período de confinamento decretado o pasado ano debido á pandemia pola Covid-19. A cifra é maior tendo en conta que a Consellaría de Sanidade exclúe das listaxes de agarda a quen desbota ser derivado aos centros privados.

Nun comunicado de prensa sobre o balance de actividade asistencial do Sergas ao longo do pasado ano 2020 -en que non se publicaron os datos do primeiro semestre-, a Consellaría de Sanidade informa de que o tempo de espera para acceder a unha operación cirúrxica ascendeu a 72,6 días de media.

O rexistro de 2020 supón 18,1 días máis que os 54,5 do ano anterior para as cirurxías.

Sanidade sinala ademais na nota de prensa en que o o tempo medio de espera estrutural cirúrxica nas patoloxías de prioridade 1 foi de 17,8 días.

No mes de xuño, "unha vez terminado o período de total confinamento marcado polo real decreto de alarma, a media de espera era de algo máis de 100 días", informa a Consellaría no comunicado.

Ademais, en canto ao tempo medio de espera en primeiras consultas de enfermidade nos hospitais do Sergas, a decembro de 2020 foi de 49,3 días, oito días máis que en 2019.

Sanidade destaca que durante 2020 houbo máis de 25,8 millóns de consultas totais -25.814.251- en Atención Primaria, das cales o 42% foron telefónicas.

No tocante á atención hospitalaria, realizáronse máis de 4,9 millóns de consultas. Ademais, tiveron lugar máis de 3,7 millóns de probas diagnósticas, 210.000 máis que no ano anterior, sinalou o departamento de saúde.

En canto ás emerxencias sanitarias, realizáronse 1.908.044, delas 1.123.213 en Atención Primaria e 784.831 en hospital, o que significa que o Sergas atendeu 5.213 urxencias diarias. Ademais, houbo 212.415 ingresos hospitalarios e 6.455 ingresos hospitalarios a domicilio.

Incumprimento da Lei de garantías

A plataforma SOS Sanidade Pública ten denunciado que os tempos de espera que estabelece Lei de garantías sanitarias non se cumpre "nunca". "Hai primeiras consultas solicitadas que pasan do ano. Cando lle sumas probas diagnósticas e a intervención cirúrxica, as esperas dilátanse", ten explicado o médico e secretario da plataforma, Xosé Dios, a Nós Diario.

En marzo de 2019, mesmo antes da chegada da Covid-19 á Galiza, asociacións de persoas usuarias do Sergas, como a do Complexo Hospitalario Universitario de Compostela, denunciaban a "vulneración da legalidade vixente" ao fechar a Xerencia da área "ilegalmente" as axendas, o que supuña a "demora das citas de pacientes solicitadas polos facultativos en ano e medio".

Quen rexeita ir á privada sae da lista

A publicación dos datos relativos aos tempos de espera agochan a realidade das persoas doentes que fican nunha especie de limbo ao desbotar a opción de seren atendidas na sanidade privada. 

No Ianus, o programa informático do Sergas que teñen á disposición os profesionais, pode comprobarse o mecanismo empregado pola Consellaría de Sanidade para excluír das listaxes de agarda aquelas persoas que rexeitan ser atendidas nun centro privado ou que non poden asumir ser chamadas dun día para outro, por exemplo, para se someteren a operacións cirúrxicas.

As consecuencias da pandemia fan supor que a cifra de persoas que decaeron das listaxes por negarse a acudir á sanidade privada é maior. Porén, a Consellaría non facilita os datos a respecto das derivacións de doentes a centros que non pertencen á rede pública.