Dous manifestos galegos en apoio ao referendo do 1-O

@Oinsua

 ‘Temos dereito a decidir’, en Galiza, e ‘Adeu, amics per sempre, Espanya’, na comunidade galega en Catalunya, recollen apoios na defensa do dereito de autodeterminación e das liberdades democráticas.

Dous manifestos galegos en solidariedade e apoio ao referendo do 1-O e do proceso que a sociedade catalá impulsa nestes últimos anos. Un, en Galiza, que comezou a circular nas últimas horas e outro no seo da comunidade galega en Catalunya, con varios días de andamento.

 

‘Temos dereito a decidir’ reuniu numerosos apoios, do mundo sindical, do activismo, da poñítica ou da cultura. Desde Sés, Teresa Moure, Suso de Toro, Dionisio Pereira, Xurxo Borrazás ou Miguel Anxo Murado a Ana Miranda e Lidia Senra, entre outros moitos nomes.  Dous son os eixos sobre os que se alicerza este chamamento, a defensa do dereito a decidir e a defensa das liberdades democráticas. “Defendemos o dereito a que este referendo se poida celebrar libre e pacificamente ao mesmo tempo que rexeitamos calquera tipo de medidas ou decisións que obstaculicen a realización do mesmo, xa que isto atropelaría os valores que deben presidir unha sociedade democrática”.

 

‘Adeu, amics per sempre, Espanya’ naceu impulsado por membros e amigos do Foro Cívico Galego de Barcelona (FGCB). No manifesto sinálase que “dende a capital do Principado onde residimos como cidadáns galego-cataláns, conscientes de sermos fillos de Galiza, nación que, dende hai 5 séculos, vén sendo negada, subalternizada e espoliada polo estado do Reino de España, instamos tamén cun convite cordial aos nosos compatriotas galegos, quer en Catalunya, quer na Terra, quer na Diáspora, a apoiarmos ben co voto, ben coa adhesión democrática, o Referendo de Autodeterminación de Catalunya do 1 de outubro de 2017”.