Dous incendios permanecen activos en Larouco, un deles de 110 hectáreas

Imaxes do incendio en Larouco iniciado esta quinta feira. (Fotos: Incendios Galicia).
Segundo informou a Consellería do Medio Rural, o lume rexistrado en Seadur, que segundo os primeiros indicios puido ser ocasionado por un raio, iniciouse o mércores ás 20.59 horas.

Dous incendios forestais permanecen activos no municipio de Larouco, concretamente nas parroquias de Seadur e Freixido. O primeiro deles afecta unhas 110 hectáreas e, o segundo, nestes momentos unhas 100 hectáreas.

Segundo informou a Consellería do Medio Rural, o lume rexistrado en Seadur, que segundo os primeiros indicios puido ser ocasionado por un raio, iniciouse o mércores ás 20.59 horas. Debido ao vento na zona reactivouse e permanece activo a esta hora.

Conforme ás últimas estimacións, afecta unha superficie dunhas 100 hectáreas e no seu control participan un técnico, nove axentes, 20 brigadas, 17 motobombas, unha pa, unha unidade técnica de apoio, catro helicópteros e dous avións.

Pola súa parte, o incendio rexistrado na parroquia de Freixido empezou ás 7.26 horas desta quinta feira e as últimas estimacións cifran a superficie afectada en máis de 20 hectáreas.

No seu control traballan tres axentes, seis brigadas, dúas motobombas, catro helicópteros e dous avións.

Incendios da cuarta feira

Dous incendios forestais que afectan o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés foron rexistrados nos concellos de Entrimo (parroquia da  Illa) e Lobios (parroquia de Riocaldo).

Así o informou a Consellería do Medio Rural, que detalla que, segundo os primeiros indicios, estes lumes, que xa foron estabilizados, puideron ser causados por un raio.

En concreto, o incendio de Entrimo rexistrouse ás 21.07 horas da cuarta feira e quedou estabilizado ás 21.51 horas. As primeiras estimacións cifran a superficie afectada en menos dunha hectárea.

Pola súa parte, o incendio de Lobios empezou ás 20.33 horas e quedou estabilizado ás 22.16 horas.