Dous gromos de Covid-19 suman perto dunha vintena de positivos na área sanitaria de Ourense

Sanitarias realizan probas PCR (Europa Press).
Fontes sanitarias informaron dun gromo que afecta a seis persoas na comarca de Verín e doutro na contorna de Ourense con 13 positivos. Todos permanecen illados e baixo supervisión sanitaria. 

Un total de seis persoas con vínculos familiares deron positivo por Covid-19 en Laza, na comarca de Verín, a partir dun primeiro caso importado diagnosticado este sábado.

Segundo informaron fontes sanitarias, a orixe deste foco está nun home de 54 anos que levou á detección de cinco novos casos na súa contorna familiar.

Trátase de dous homes, de 84 e 59 anos; dúas mulleres, de 80 e 53 anos, e dunha moza de 17 anos. As mesmas fontes indicaron que segue activo o protocolo de identificación, control e seguimento de contactos. Os pacientes permanecen illados nos seus domicilios baixo a vixilancia dos profesionais sanitarios dos seus centros de saúde e do seu PAC.

13 positivos

Doutra banda, ascende a 13 o número de positivos relacionados con outro foco que afecta a varios concellos da comarca de Ourense. O gromo detectouse en dúas compañeiras de traballo nunha empresa de San Cibrao das Viñas. Axiña, unha terceira muller, familiar dunha delas, tamén deu positivo. Agora, indeican desde a área sanitaria de Ourense, os contaxios estendéronse a outros membros do seu contorno máis próximo.

Entre as afectadas hai unha persoa maior de 65 anos, tres menores de 18 anos e dúas crianzas. Os pacientes están illados nos seus domicilios e en seguimento a través da plataforma de teleasistencia Telea e dos sanitarios dos seus centros de saúde.