Dous funcionarios do Sergas enfróntanse a 10 e a 8 anos de prisión por acceder centos de veces a historiais médicos sen permiso

Profesional do Sergas (Imaxe: Xunta da Galiza).
Ambos os dous do Hospital de Conxo en Compostela

A Audiencia provincial da Coruña, na súa sede en Santiago, acollerá as vindeiras cuarta e quinta feira o xuízo contra unha traballadora social e un auxiliar administrativo do Sergas, ambos os dous do Hospital de Conxo en Compostela, para os que piden 10 e oito anos de prisión, respectivamente, por acceder a historiais médicos sen autorización e revelación de segredos.

Segundo o escrito fiscal, a muller accedeu, entre os meses de xaneiro de 2015 e outubro de 2016, un total de 519 veces á documentación médica dun dos prexudicados e 309 veces á doutra.

Ademais, a traballadora utilizou esa documentación en novembro de 2015 nun proceso de dilixencias informativas de discapacidade ante a Fiscalía.

O segundo acusado, accedeu entre maio de 2015 e xaneiro de 2016 un total de 26 veces á información médica dun dos prexudicados e cinco veces á da outra prexudicada.

Por eses feitos son autores de dous delitos continuados de descubrimento de segredos e a traballadora social tamén de difusión de segredos, ambos por parte de funcionario público.

A muller enfróntase, a cinco anos de prisión por cada un dos delitos e 12 anos de inhabilitación. Para o home Fiscalía pide oito anos de prisión, unha multa de 20 meses cunha cota diaria de 10 euros e 10 anos de inhabilitación.