Xustiza

Dous ex tripulantes do 'Vila de Pitanxo' aseguran que nunca realizaron simulacros e que apenas tiñan descansos

O responsábel de frota de Pesqueiras Nores Marín —propietaria do 'Pitanxo'—, José Antonio Nores González (esquerda), e o director xeral da compañía, José Antonio Nores Rodríguez (dereita), á súa saída da Audiencia Nacional esta mañá. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)
Un deses mariñeiros relatou ante o xuíz que investiga o naufraxio que unicamente contaban con entre 15 e 30 minutos de descanso para comer e para almorzar, chegando a completar xornadas laborais de máis de 24 horas.

Dous mariñeiros que formaron parte da tripulación do pesqueiro galego Vila de Pitanxo en mareas anteriores ao seu naufraxio en febreiro de 2022 aseguraron esta segunda feira na Audiencia Nacional que nunca realizaron simulacros de incendios nin de evacuación e que apenas tiñan descansos durante a xornada. Fontes xurídicas citadas pola axencia Europa Press precisaron que un deses mariñeiros traballou a finais de 2021 no pesqueiro e unicamente embarcou en dúas mareas. O outro traballador non chegou a embarcar coa tripulación que naufragou por supostas desavinzas.

Un deses mariñeiros relatou ante o xuíz que investiga o naufraxio que unicamente contaban con entre 15 e 30 minutos de descanso para comer e para almorzar, chegando a completar xornadas laborais de máis de 24 horas. Ademais, explicou que na cuberta superior non había escaleira de estribor, polo que a única vía de escape era por baixo da ponte. As mesmas fontes sinalan que, de existir esa escaleira, podería accederse á zona de balsas.

O maxistrado da Audiencia Nacional Ismael Moreno tamén tomou declaración hoxe como investigados ao director xeral de Pesquerías Nores —a armadora do navío—, José Antonio Nores Rodríguez, e ao responsábel de frota da empresa, José Antonio Nores González. As fontes consultadas relatan que ambos responderon unicamente ás súas defensas para asegurar que o barco contaba con traxes de supervivencia, que se cumprían coas medidas de seguridade e que o Vila de Pitanxo contaba con todos os certificados necesarios.

Por último, o xuíz escoitou como testemuñas a dous mariñeiros do buque portugués Novo Virxe da Barca, un dos pesqueiros que acudiu en auxilio do Pitanxo. Na súa declaración ambos recoñeceron que viron algúns dos falecidos co traxe de supervivencia posto, sen achegar máis detalles acerca de como foron atopados.

Naufraxio e investigación

O pesqueiro galego Vila de Pitanxo naufragou a 450 quilómetros da costa de Terranova en febreiro de 2022, acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo. A partir de aí, as familias dos falecidos trataron de esclarecer o sucedido. Durante a instrución, o xuíz tomou declaración ao patrón do pesqueiro, Juan Padín, en calidade de imputado; ao seu sobriño, o mariñeiro, Eduardo Rial, e mais o seu compañeiro Samuel Kwesi, como testemuñas, ao ser os únicos sobreviventes do naufraxio. Tamén está imputada a armadora no caso.

A investigación xudicial débese a que Kwesi ofreceu unha versión que contradi a exposta por Padín e Rial, e que apuntaría a posíbeis neglixencias por parte destes que desencadearían na traxedia. Após tomarlles declaración, o maxistrado prohibiu saír do Estado español ao patrón do pesqueiro, retiroulle o pasaporte e impúxolle a medida cautelar de comparecer cada quince días en sede xudicial e estar localizado. Ademais, solicitouse unha inspección ocular do barco, acometida este verán.