Dous dos tres bombeiros feridos en Oímbra evolucionan favorabelmente aínda que todos están graves

Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). (Foto: Nós Diario)
O máis novo, de 18 anos, ten queimaduras de terceiro grao con afectación en 40% do seu corpo. 

Dous dos tres bombeiros feridos en Oímbra (comarca de Verín) e que sofren queimaduras de distinta consideración evolucionan favorabelmente, aínda que todos están graves, segundo o último parte médico facilitado polo complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac), que non ofrecerá novos datos até a segunda feira

Os tres están na Unidade de Queimados do centro hospitalario coruñés. No caso do máis novo, de 18 anos, ten queimaduras de terceiro grao con afectación en 40% do seu corpo. Presenta intoxicación por inhalación de fume e está estábel con prognóstico moi grave.

O mozo de 23 anos ten queimaduras de segundo grao con afectación en 15% do seu corpo. Tamén presenta como os demais intoxicación por inhalación de fume e evoluciona favorabelmente con prognóstico grave.

Por último, o brigadista de 25 anos ten queimaduras de segundo grao con afectación en 15% do seu corpo. Está estábel con prognóstico grave.