Dous dos brigadistas feridos no incendio de Barreiros reciben a alta e tres permanecen ingresados
A evolución dos mozos que seguen ingresados é favorábel, pero o seu prognóstico continúa a ser grave.
Dous dos cinco brigadistas feridos no incendio rexistrado o 14 de setembro no municipio de Barreiros (A Mariña) recibiron a alta, mentres que permanecen ingresados con prognóstico grave na Unidade de Queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) os outros tres.
Segundo informaron fontes sanitarias, recibiron a alta o brigadista de 29 anos que sufriu queimaduras de 2º grao cunha afectación do 8% do seu corpo e o de 27 anos, con queimaduras de 2º grao no 5% do seu corpo.
Os demais, dous de 24 anos e un de 25, evolucionan favorabelmente, aínda que o prognóstico segue sendo grave. Todos eles sufriron queimaduras de segundo grao con diferentes afectacións de entre o 10 e o 25% do seu corpo.
Ademais, continúa nesta mesma unidade do Chuac, con evolución favorábel aínda que prognóstico grave, o brigadista de 18 anos que resultou ferido nos incendios de Ourense. O último parte médico detalla que sufriu queimaduras de terceiro grao cunha afectación no 40% do seu corpo, ademais de intoxicación por inhalación de fume.