Continúan os recortes en Educación

Dous docentes menos na Escola Superior de Arte Dramática de Galiza

A Dirección Xeral de Persoal vén de confirmar que finalmente se reducirán só  2 docentes en vez de 6 no único centro de estudos superiores de Arte Dramática do país. Porén, a CIG-Ensino considera insuficiente a proposta da Consellería e pide que se reduza máis o recorte.

A redución comunicada oficialmente o pasado 24 de xullo á dirección da ESAD de Vigo era de 6 profesores no “cupo” do centro, redución que a CIG-Ensino calificou de “destrución do modelo de ensino dun centro exemplar a nivel estatal”. Finalmente, coa adxudicación de destinos provisionais a redución quedou en 5 e agora a Consellería comunica que será de 2 docentes.

 

A CIG-ensino salienta que a perda destes postos de traballo repercute negativamente o nivel de atención individualizado que a ESAD lle da ao seu alumnado, cuestión fundamental para a este tipo de formación. Con este motivo, o pasado 1 de agosto tivo lugar unha entrevista co Subdirector Xeral de Persoal para trasladarlle a oposición do profesorado e máis do sindicato.

 

A resposta do Subdirector Xeral de Persoal foi que se “incrementaba” o cupo do centro até “38” docentes pero na práctica, tras a anterior redución, pérdense 2 postos de traballo. A CIG-ensino ve aquí un paso adiante máis da Consellaría de Educación nos seu camiño de desmantelamento do ensino público.

 

A redución de prazas na ESAD implica o cese do persoal docente afectado, xa que son todos interinos. CIG-Ensino relaciona ademais este suceso co “proceso de acoso” ao que está sendo sometida a Escola Superior de Arte Dramático, vinculado ao seu activismo na procura da adscrición á universidade dos centros de Ensinanzas Artísticas.

 

A CIG-Ensino considera igualmente insuficiente o incremento de 1 docente na ERBC de Pontevedra trala redución previa de dúas prazas e demanda á Consellaría que restitúa as prazas de ambos centros antes do comezo do curso 2017/2018.