Dous detidos polo homicidio dun home en Arteixo

Axentes da Policía Científica buscando probas no lugar dos feitos, esta segunda feira. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Todas as hipóteses están abertas na investigación que está a realizar a Garda Civil.

Dúas persoas foron detidas en relación coa morte dun home en Arteixo (comarca da Coruña) tras recibir un disparo con arma de fogo na rúa, segundo vén de confirmar a subdelegada do Goberno estatal na Coruña, María Rivas. A vítima é un home de 42 anos, con iniciais G.S.R., porteiro dun local de lecer nocturno na cidade herculina, segundo confirmaron, á súa vez, fontes citadas pola axencia Europa Press. O delegado do Goberno na Galiza, Pedro Branco, confirmou que se trata "dun homicidio".

Os servizos sanitarios de Urxencias do 061 tiveron coñecemento dos feitos ás 17.55 horas deste domingo e até o lugar enviaron unha ambulancia asistencial de Soporte Vital Avanzado (SVA). A vítima foi atendida e finalmente, porén, faleceu no punto. Desde a Garda Civil ratificaron que manteñen todas as hipóteses abertas en relación á investigación que se abriu tras os feitos.

Sobre os mesmos, a subdelegada María Rivas lamentou que se producise un suceso destas características e confirmou que foi unha chamada dun particular ao 112 a que alertou da morte por arma de fogo. "Nese momento póñense en marcha todos os protocolos", recalcou, e insistiu en que se están facendo as "investigacións pertinentes" e que agora hai que deixar traballar a Garda Civil. "Ese traballo diranos do que estamos a falar", apostilou en relación ao que desencadeou os feitos.

O alertante topou co home tirado na estrada, na rúa José Pérez Ballesteros (parroquia de Oseiro), sen saber moi ben que sucedera até que percibiu que había persoas con armas nos arredores. Con esta información, os xestores do 112 pediron a colaboración dos axentes da Garda Civil e da Policía Local, ademais dos profesionais do 061 para atender o ferido.

Á súa chegada ao lugar dos feitos, os axentes locais confirmaron que había unha persoa ferida por arma e urxían a asistencia médica, que chegou a bordo dunha UVI móbil, aínda que finalmente non puideron facer nada por salvarlle a vida.