Dous detidos por abusos sexuais na Coruña e un caso en estudo en Vigo

Cacharelas nas praias da Coruña, o 24 de xuño de 2022 (Imaxe: M. Dylan / Europa Press)

A noite de San Xoán na Coruña, a primeira sen restricións despois da pandemia da Covid-19, finalizou coa detención de catro persoas, dúas delas por presuntos abusos sexuais -supostamente tocamentos-, un deles a menores, na praia de Orzán e na avenida Barrié da Maza

Nun comunicado, o Concello da Coruña destaca que estreou en San Xoán tres “Puntos Violetas” para casos de abusos sexuais. Estes tres espazos de atención contra a violencia machista, polo que pasaron para informarse 674 persoas, certificaron dúas denuncias por violencia sexual sen agresión física.

No caso da Coruña, onde hai unha forte tradición para a celebración do San Xoán, as estimacións da Policía Local indican que, nos momentos de maior afluencia, reuníronse nas praias de Riazor, Orzán e Matadoiro até 125.000 persoas, ademais doutras 80.000 que o celebraron nos distintos barrios.

O número de asistencias do dispositivo de emerxencias diminuíu un 17% respecto á celebración de 2019. En total, os servizos de seguridade realizaron 124 asistencias: 19 por feridas; 15 por traumatismos; 22 por queimaduras, e 26 por intoxicacións etílicas. Tamén se rexistraron 18 traslados a centros médicos, ningún por causas graves.

Un caso en Vigo

Se na Coruña houbo dous detidos, en Vigo produciuse tamén unha alerta por un presunto episodio de abuso sexual rexistrado a pasada noite en Samil.

Fontes consultadas por Europa Press ratificaron que a Policía Nacional está a investigar este caso. Os feitos producíronse sobre a unha e media da madrugada, cando dous homes ofreceron bebidas a dúas mozas, ambas as maiores de idade, que pouco despois empezarían a atoparse mal.

Unha das mozas referiría tamén dor na zona xenital, polo que o asunto está a ser investigado.

En canto ao balance de incidencias, fontes municipais consultadas por Europa Press concretaron que en Vigo realizáronse case 60 probas en relación ao consumo de alcol, das que cinco deron positivas. Ademais, houbo tres intoxicacións etílicas.