Dous anos de Angrois, as familias reclaman "verdade e xustiza"

[Imaxe Plataforma Alvia 04155]

A Plataforma Alvia 04155 convoca unha concentración coincidindo co segundo aniversario do sinistro ferroviario no que morreron 81 persoas.

 

As demandas d@s familiares das 81 vítimas mortais do accidente ferroviario acontecido na curva de Angrois o 24 de xullo de 2013 continúan a ser as mesmas dous anos despois. "Verdade e xustiza". Así o manifestarán coincidindo co segundo aniversario do sinistro nunha concentración convocada para as 11h na Praza do Obradoiro (Compostela). 

Unha mobilización de lembranza mais tamén de reivindicación coa que demandarán a abertura dunha comisión de investigación parlamentar coa que esclarecérense as responsabilidades políticas que se puidesen derivar do accidente. Unha proposta que foi rexeitada en máis de media ducia de ocasións polo Partido Popular. 

Até o momento, o proceso xudicial iniciado mantén como único imputado ao maquinista malia que o sistema de freado automático (ERTMS) estaba desconectado, o que tería evitado o accidente perante un erro humano. 

Desde a Plataforma de vítimas e afectad@s do Alvia 04155 reclaman a imputación d@s responsábeis de Adif e Renfe apoiándose nas peritaxes que apuntan unha presunta responsabilidade da empresa. 

Co gallo do aniversario familiares e superviventes tamén organizarán unha misa-funeral ás 18h na Colexiata de Sar que rematará cunha "procesión"/manifestación até Angrois onde decorrerá un acto público con diversas intervencións. 

O 25 de xullo o Parlamento acollerá a inauguración oficial do Xardín do recordo, ás 12h.