Urxen a Política Social que aclare o réxime de visitas ás residencias da terceira idade

Familiares de visita o 15 de xuño nas instalacións de DomusVi San Lázaro, en Compostela (Arxina).

A federación galega REDE pide a Política Social que especifique cando entrará en vigor o acordo ao que chegaron o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas para limitar -mais tamén para garantir- visitas diarias dunha hora e unha soa persoa en todos centros libres de restricións extraordinarias.

Familiares de usuarias de centros de maiores e da dependencia instan a Consellaría de Política Social a informar canto antes do réxime de visitas que vai operar nas residencias da Galiza nas próximas datas.

Desde a federación galega REDE consideran un "mal sinal" que a orde da Xunta na que se recollen as actuacións acordadas polo Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas para atallar a expansión do coronavirus obvie os pactos acadados e remita os centros sociosanitarios a un "texto futuro" no que Política Social determinara as medidas específicas que deberán adoptarse con respecto á realización de probas probas PCR, o réxime de visitas´e de saídas.

Caos

Aseguran que non poden esperar máis. "De prolongar máis esta situación o único que conseguirán é estender o caos". Segundo explican en declaracións a Nós Diario, a medida acordada polo Goberno estatal e os territorios dunha visita diaria, unha persoa, unha hora "non conta co favor da patronal das residencias, que teñen verdadeiros problemas de falta de persoal".

As carencias veñen de lonxe e contan coa conivencia da Xunta, afirman. "Mentres non as obrigue a ter persoal suficiente para garantir a contención da pandemia e un bo control das visitas, imos ter problemas", advirten.

DomusVi  

Coincidinco co anuncio do ministro de Sanidade, Salvador Illa, de limitar mais tamén de garantir unha visita diarias ás persoas residentes, familiares de usuarias das residencias DomusVi denunciaron a decisión unilateral das direccións dos centros de San Lázaro -en Compostela- e O Barreiro -en Vigo- de fecher e a restrinxir as visitas respectivamente.

Desde REDE, manteñen que estas medidas violan a normativa vixente xa que non están avaliadas pola Xunta da Galiza e consideran que se trata "dunha nova burla aos dereitos que deberan acompañar as residentes e os seus familiares, continuamente esmagados por unha empresa "que está no punto de mira de todo o Estado polas súas "presuntas neglixencias durante a xestión da pandemia".

Desacougo entre as familias

A directora de San Lázaro, Gloria García, remitiu un escrito o pasado día 11 no que lles pide ás familias que "apracen as visitas" sine die como medida preventiva, unha medida que lonxe de tranquilizar as familias motivou maior desacougo malia as promesas de "informar con asiduidade" sobre a evolución de posíbeis gromos.

No centro do Barreiro, a dirección informou de que as visitas se reducen a "unha semanal por residente" a partir desta segunda feira, 17 de agosto.

Limpeza, coidados e visitas

REDE denunciou ambas decisións ante o órgano de inspección de Política Social para que "corrixa as actitudes anómalas das direccións de DomusVi" no canto de manter unha "complicidade neglixente". Entende que son medidas desproporcionadas xa que "nin hai casos positivos nestas residencias nin superan a cota epidemiolóxica das súas respectivas poboacións".

Mais agora entenden que urxe un paso adiante aínda máis firme por parte da Administración, que atenda os dereitos do colectivo de usuarias, de familiares e de traballadoras que garanta os coidados, a limpeza e as visitas en todos os centros nos que a situación epidemiolóxica o permita.