'Domingos', a borrasca que chega o sábado. Así vai afectar este temporal na Galiza

Grandes ondas na costa da Coruña durante o paso do temporal 'Ciarán' (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).
A Xunta da Galiza activou a alerta laranxa na madrugada desta sexta feira ao sábado por precipitacións acumuladas de máis de 100 milímetros en 12 horas.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta da Galiza activará este sábado unha nova alerta vermella por temporal costeiro ante a chegada de Domingos, unha nova borrasca que deixará ondas de máis de 10 metros e ventos de forza 9 e, mesmo, 10.

Este fenómeno meteorolóxico adverso, que comezará ao redor das 14 horas da tarde no noroeste do país e despois chegará a todo o litoral, activará tamén a alerta en terra, aínda que de nivel laranxa, principalmente na Mariña, Valdeorras e as comarcas do suroeste do país, onde se esperan refachos de máis de 100 quilómetros por hora. No resto da Galiza, o aviso será amarelo por ventos de até 80 km/h.

En canto ás choivas, a Xunta activou a alerta laranxa na madrugada desta sexta feira ao sábado por precipitacións acumuladas de máis de 100 milímetros en 12 horas. En certas zonas do territorio galego, chegarase a nivel amarelo por 40 milímetros en 12 horas.

Por iso, a Administración galega activou esta alerta, da que xa foron informados Concellos, Deputacións, servizos e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e clubs náuticos.

Precaucións

A Xunta remarca que debe permanecerse afastado da liña de costa, dos diques, rompentes e paseos marítimos, así como que se extremen as medidas de seguridade en calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, por estrada, recomenda circular con precaución, informarse antes do estado das vías, evitar pasar preto de árbores, paneis publicitarios, estadas e outros obxectos que poidan ser derrubados polo vento. Tamén aconsella non atravesar zonas asolagadas, non aparcar nas marxes dos ríos nin empregar vehículos lixeiros ou de pouca estabilidade.