Domingo con alerta amarela e neve

Neve en Chandrexa de Queixa (comarca de Trives) o pasado 24 de febreiro (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
Agárdanse ondas de catro e cinco metros no mar ademais de acumulacións de neve en zonas de montaña.

Este domingo Galiza estará en alerta amarela por temporal costeiro, no noroeste da Coruña e na Costa da Morte, e por neve nas zonas de montaña do oriente do país.

Segundo Meteogaliza, espéranse ondas de catro e cinco metros, e acumulacións de neve que poden variar desde os cinco centímetros até algo máis de 15 centímetros en 24 horas.

Durante a xornada o país estará na influencia das baixas presións con ventos moderados de compoñente oeste, ceos nubrados con precipitacións máis probábeis durante a mañá, que serán de neve en cotas superiores aos 800 metros.

En relación ás temperaturas, as mínimas quedarán sen cambios significativos e as máximas terán un lixeiro ascenso.

Manzaneda rexistou -4,5 graos

Na xornada deste sábado a neve foi unha das principais protagonistas e os termómetros baixaron até os -4,5 graos na estación de montaña de cabeza de Manzaneda (comarca de Trives) e o mercurio alcanzou a máxima en Marín (comarca do Morrazo), con 13,7 graos.

O refacho de vento máis forte rexistrouse en Manzaneda (125,9 km/h) e o total acumulado de precipitacións situouse nos 51 litros por metro cadrado en Fornelos de Montes (comarca de Vigo).