As dolorosas consecuencias dos recortes en hospitalización pisquiátrica

Movemento Galego da Saúde Mental enmarca o suicidio dunha paciente e a denuncia dunha agresión sexual por parte doutra, ambas ingresadas na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Médico-Cirúrxico de Conxo no deterioro  progresivo no que se atopaba a atención á saúde mental en Galicia. 

O Movemento Galego da Saúde Mental chamaba na súa primeira a atención sobre o que consideraba que era un “deterioro progresivo no que se atopaba a atención á saúde mental en Galiza”. Os recortes sanitarios e unha xestión sen planificación e obstaculizadora da participación dos profesionais eran sinaladas como algunhas das causas dese deterioro. Un deterioro que “compromete a calidade asistencial e a seguridade dos pacientes”

O MGSM afirma que uns acontecementos que decorreron na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Médico Cirúrxico de Conxo (Santiago de Compostela) “materializaron desgraciadamente estes prognósticos”. O falecemento dunha paciente por suicidio e a denuncia, uns días antes, dunha agresión sexual por parte doutra paciente (ámbalas dúas ingresadas nesa Unidade) “son cuestións de indubidable gravidade que han de entenderse no marco do deterioro antes salientado”, sostén o Movemento. Para o MGSM déronse “intolerables carencias na garantía de seguridade das persoas cando reciben atención sanitaria”.

“Cómpre recordar que hai tempo que se vén denunciando publicamente desde diferentes instancias a escasa dotación desa Unidade, a frecuente retirada do persoal de Enfermería da mesma para cubrir necesidades doutros servizos do mesmo hospital (tamén debilitados polos recortes de persoal), a escasa actividade dos pacientes ingresados, a carencia de Terapeuta Ocupacional no equipo, a falta de medios para a coordinación e elaboración de plans terapéuticos nos que participen e se coordinen todos os profesionais, e a repetición de agresións ó persoal. Pola contra, por quen ten a obriga de dirección e xestión, nada se fixo ante estas carencias e advertencias para corrixir o arriscado rumbo que se estaba a seguir”.