Sete doentes nos corredores e 40 pendentes de ingreso nas uxencias do CHUS

Urxencias do CHUS, en Compostela (Foto: Nós Diario).
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia "por enésima vez" o funcionamento inadecuado do servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Alerta dunha situación crónica. Dun funcionamento ineficaz e dun uso inadecuado das instalacións do servizo de urxencias do Hospital clínico de santiago.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS asegura nun comunicado que se ve "na obriga", mais unha vez, de dar a coñecer e denunicar "o deficiente funcionamento do servizo de urxencias" do principal hospital compostelán.

Segundo informa, a pasada quinta feira, 31 de marzo, "até sete pacientes graves chegaron a estar amoreados no corredor da entrada, ocupando un punto de paso que debe estar sempre libre de obstáculos".

A consecuencia inmediata desta disposición, advirte a entidade, é unha atención sanitaria nun lugar inadecuado.

Camas fechadas

Ademais, sinalan, "até 40 pacientes máis, sobre os que xa se decidiu o ingreso no centro hospitalario, seguen ocupando, dentro de urxencias, o lugar de traballo", do persoal. "Ao non darlle saída aos ingresos de xeito áxil, o espazo e os servizos de urxencias están a ser ocupados por persoas que deberían recibir asistencia noutros servizos do hospital".

A asociación de usuarios e pacientes do Clínico censuran o uso deste servizo como "almacén de doentes pendentes de ingreso, por estaren camas fechadas nas plantas".

Falsidade e desinterese

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS fai fincapé no "desinterese" da Xerencia do hospital para corrixir unha deficiencia crónica no funcionamente do servizo de urxencias.

Este novo episodio de saturación pon de manifesto "a falsidade das declaracións das autoridades sanitarias cando na prensa e en instancias públicas afirman que o servizo funciona correctamente e unicamente sofre dificultades puntuais".

"A realidade constata que as deficiencias denunciadas tanto por determinados profesionais como por esta asociación de forma reiterada, son resultado de problemas estruturais para os que non se buscou solución", conclúe antes de reclamar unha solución definitiva.