Doentes de hepatite C piden que se investiguen máis casos no proceso xudicial contra o Sergas

Sinalan que entre as razóns na demora dos tratamentos estaba "cadrar as contas" polo que a maior parte das solicitudes denegadas tiveron lugar en novembro e decembro de 2014.

O portavoz da Plataforma de persoas afectadas pola hepatite C, Quique Costas, compareceu esta cuarta feira perante os medios de comunicación para dar a coñecer algunhas novidades a respeito do proceso xudicial iniciado contra o Sergas polo falecemento de 5 doentes aos que lles foi negado o tratamento ou concedido con retraso o que non impediu a súa morte. 

González-Criado e Rubial aseguraron ser "meros administrativos"  na tramitación das solicitudes

Costas explicou que o colectivo, acusación popular na investigación, solicita a incorporación dun outro cargo do Sergas que foi sinalado polos investigados, Carolina González-Criado e Félix Rubial, cando prestaron declaración xudicial. Trátase da doutora Ana Souto, na altura directora de Procesos Asistenciais do CHUS. Segundo relatou o portavoz da plataforma, nas súas declaracións González-Criado e Rubial "descargaron a responsabilidade" nela e en integrantes da subcomisión de Farmacia. 

"Lonxe de asumir ningunha responsabilidade, describiron o seu rol como o de meros administrativos". De facto, Costas revelou que a subdirectora de Farmacia, Carolina González-Criado, sinalou perante o xuíz que "só se limitaba a trasladar as solicitudes" mentres que Rubial asegurou "non ter ningunha capacidade de decisión sobre as solicitudes, aínda que as asinaba". 

Retrasos para "cadrar as contas"

Aliás, a Plataforma defende que sexan investigados novos casos nos que os tratamentos foron retrasados entre "seis e quince meses" ou mesmo "extraviados". Casos "moi graves" que no entanto conseguiron sobrevivir, ao contrario das cinco persoas que actualmente fan parte do caso. 

Das 300 solicitudes presentadas en 2014 foron denegadas 21, once en novembro e dez en decembro

Estas demoras poderían ter a ver, segundo a Plataforma, cun interese por "cadrar as contas" do exercicio económico de 2014 pois, das 300 solicitudes presentadas ese ano foron denegadas 21, 11 en novembro e 10 en decembro. "É difícil de entender que se puxesen de acordo para tramitar mal 21 entre os meses de novembro e decembro cando só se rexeitaran 3 o resto do ano", dixo Costas. De facto, após presentaren recurso, "moitas delas foron logo concedidas nunha posterior revisión nos primeiros meses de 2015". 

Asemade, a acusación popular e a Fiscalía remitiron unha carta ao xuíz instrutor para que aclare cal é a acusación que recae sobre os dous altos cargos do Sergas após o pronunciamento ditado incluír só un presunto delito de prevaricación e non de homicidio por imprudencia como sinalaba o Ministerio Público na súa denuncia. Así as cousas, din, "non se pode considerar que esta acusación estexa arquivada" até que non sexa formalmente counicada.