Doentes de Hepatite C piden apoio aos grupos parlamentares

[Imaxe @AlternativaGZ]

Demandan a implicación das forzas políticas no acceso aos fármacos de nova xeración. O goberno español anunciou a posta en andamento dun Plan estratéxico mais denuncian que Madrid lles pide "un tempo" que "non temos". 

 

Esta sexta feira (9 de xaneiro) representantes da Plataforma de persoas afectadas polo virus VHC reunironse coas forzas políticas con representación na Cámara galega para demandar o seu apoio na loita que manteñen co goberno español e da Xunta. 

Doentes de hepatite C reclaman o acceso a medicamentos de nova xeración que teñen unha taxa de curación de entre o 90-95% mais que Madrid non lles proporciona. Neste senso, após un ano de incertidumes, nos últimos meses desenvolveron unha intensa campaña reivindicativa que obtivo hoxe a adhesión de BNG, AGE e PSdeG. Após unha forte presión social e mediática o executivo español anunciou onte (8 de xaneiro) que encetaría un Plan estratéxico da hepatite C que estará dirixido polo hepatólogo Joan Rodés. 

Segundo anunciou o ministro de Sanidade, Alfonso Alonso, através deste plan elaborarase un rexistro d@s pacientes tratados polo virus VHC e desenvolverase unha avaliación da "eficación" dos tratamentos na "práctica clínica". Mais no comunicado público difundido polo Ministerio non se recolle a implantación neste plan do tratamento con sofosbuvil que demandan as Plataformas de doentes. 

O goberno español gábase de ser "un dos primeiros países da UE" en incorporar medicamentos de nova xeración mais só trataron a 500 doentes, Italia a 30 mil

En troca, afírmase que "España" foi "un dos primeiros países da UE en incorporar os medicamentos de última xeración, que non están disponíbeis na maioría dos Estados Membros". Porén, os colectivos de doentes sinalan todo o contrario. Denuncian a "inactividade" gobernamental, quer na Galiza, quer no Estado. 

En conversa con Sermos Galiza, Adriano --doente de Hepatite C en fase 4-- asegura que "somos o unico país de Europa onde os afectados por vhc saen á rúa a protestar". No noso país a Plataforma constituíse o 19 de decembro e desde aquela non cesou nas súas demandas. "En Francia mentras tanto trataron a 15.000 afectados o ano pasado", explica, un obxectivo que requeriu de "800 millóns de euros" de investimento. 

Pola contra, o Estado español prometeu unha partida orzamentaria de 125 millóns de euros que servirían para tratar o virus a non máis de 7 mil persoas, segundo as estimacións do propio executivo. "Italia, con record de afectados, tratará a 30 mil doentes", contrapón Adriano. 

Para @s representantes da Plataforma de persoas atinxidas pola hepatite C Madrid está a demandarlles "un tempo" que "non temos", sinalou na xuntanza decorrida esta sexta feira no Parlamento a súa voceira, Xulia Alonso, quen advertiu "a non curación só ten unha saída: a morte". 

Perante esta situación a Plataforma demanda a posta "inmediata" dos "medios necesarios para que os afectados por hepatite C teñan acceso á medicación prescrita polos médicos", acrecentou o tamén portavoz, Quique Costas.