Modelo sanitario

Doentes do centro, doentes da periferia

[Imaxe: CIG-Ensino] Hospital de Monforte

É xa unha tradición que o Goberno da Xunta de Galiza aproveite o verán para presentar e mesmo sacar adiante algún dos proxectos con maior incidencia para o país. É tamén habitual que as mesas sectoriais e de negociación se convertan en simples trámites en que o resto de axentes implicados apenas teñan capacidade de influencia. O anteproxecto de Lei de Saúde é outro exemplo máis. Analizámolo no Sermos Galiza 260.

O anteproxecto fixa a eliminación das áreas sanitarias do Barco, A Mariña, Monforte e O Salnés, unha decisión que confire aos grandes complexos hospitalarios –localizados nas grandes cidades do país– unha enorme capacidade de absorción de recursos e, ao tempo, afasta moitas persoas da atención sanitaria, “nalgúns casos”, denuncia a CIG-Saúde, “a máis de cen quilómetros de distancia do seu domicilio”. Este “desmantelamento de servizos nos hospitais comarcais e esta centralización nos grandes complexos hospitalarios sen unha delimitación xeográfica razoábel leva a que se calquera persoa con cataratas que viva hoxe no Barco ou Monforte poida ser derivada a unha clínica privada de Ourense ou Lugo para poder operarse”, concreta María Xosé Abuín.

 

A supresión destas catro áreas sanitarias ten outras consecuencias paralelas, non só porque terá un impacto no emprego asociado a un sector que xera moitos postos de traballo nas localidades nas que se asentan eses centros –en moitas áreas os complexos hospitalarios se atopan entre as principais “empresas” en materia de emprego–, senón tamén porque recupera unha vella e obsoleta estrutura provincial, moi cuestionábel desde o punto de vista da organización territorial do país baseada nas comarcas.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 260, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]