Os doentes de cancro están a sufrir unha dupla pandemia

Unha persoa realizando unha tomografía computadorizada (TAC) nun hospital galego. (Foto: Europa Press)
Pacientes oncolóxicos, doutores e asociacións informan a Nós Diario da dobre pandemia que están a vivir por culpa da crise sanitaria causada pola Covid-19. O medo ao contaxio e a presión psicolóxica son os factores que máis lles afectan.

A crise sanitaria causada pola pandemia da Covid-19 absorbeu a atención mundial polos seus contaxios masivos, alto número de falecidos e a presión inflixida aos centros de saúde. Mais como dicía neste xornal a pasada terza feira a enfermeira Eva Fernández, “as outras patoloxías seguen a existir”.

Hoxe celébrase o Día Mundial Contra o Cancro, unha enfermidade que durante o pasado ano afectou a 8.145 galegas e 11.268 galegos. En total, 19.413 persoas foron diagnosticadas con algún dos 32 tipos de cancro que máis se dan no Estado español, segundo datos da Asociación Española Contra o Cancro (AECC). A pesar de que a incidencia foi lixeiramente maior en comparación con 2019, no que se detectaron 19.138 pacientes, os expertos sanitarios afirman que a pandemia da Covid está a ter serias consecuencias na detección precoz e nos procedementos oncolóxicos do país. 

“A primeira cita que me adiaron por mor da Covid-19 foi en marzo de 2020, logo, a operación que estaba programada para maio dese ano retrasouse até setembro e, neste mes, cambiáronme a revisión que tiña co endócrino dentro duns días para abril”, expón María Luisa Santaclara, que no ano 2018 foi diagnosticada de cancro de mama, en declaracións a Nós Diario. O fechamento de quirófanos durante a primeira vaga da pandemia ocasionou un gran retraso nas operacións programadas en toda a Galiza e, desde o Hospital Provincial de Conxo, en Santiago de Compostela –responsábel da intervención á que tiña que someterse Santaclara– non “consideraron urxente rematar a miña reconstrución mamaria en maio”, sinala Santaclara. 

Ao grave problema que os pacientes oncolóxicos están a sufrir no retraso da atención sanitaria debido á saturación dos servizos causada polo novo coronavirus, hai que sumar que as consultas que se realizan actualmente tenden a ser telefónicas, o que, para persoas como Santaclara, causa malestar psicolóxico porque “non semella que esteas a falar cun médico, senón cunha voz a través dunha máquina, falta esa sensación de proximidade”. 

Esta carencia na calidade asistencial fai que sanitarios como Jorge Cameselle, doutor no Punto de Atención Continuada de Cangas e investigador en cancro de mama, critiquen que “estamos a volver á Seguridade Social dos anos 80”. “Temos melloras nos tratamentos médicos e na tecnoloxía, pero esta situación sacou á luz o que anos de privatización estaban a conseguir: o abandono dos enfermos pola falta de médicos e a precariedade que se está a vivir no mundo da enfermaría”, sinala Cameselle a este xornal.  

Na súa vivencia como médico de apoio na Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama (Adicam) é testemuña de que a Covid-19 “non só está a afectar enormemente aos procesos de oncoloxía e a diagnósticos, mais tamén aos pacientes”. Cameselle explica que hai persoas que “teñen moito medo ao virus”. Algo que confirma a traballadora social da asociación, María Martínez, quen explica a Nós Diario que “estamos a ter coñecemento de casos de mulleres que por medo ao gromo que hai no Hospital do Meixoeiro non queren ir para facer as probas mamarias de prevención do cancro de mama”. 
Este medo tamén se plasma nos pacientes que teñen que acudir aos Hospitais para recibir o seu tratamento. Francisco Pais, presidente da xunta da AECC de Santiago e paciente de cancro, explica a este medio o alivio que supón para algúns pacientes non ter que pasar tanto tempo nos centros. “Antes tiñas que esperar nunha sala a que tivesen listo o teu tratamento despois de que a análise de sangue demostrase que estabas en condicións de o recibir, agora podemos non ter que esperar, o que igual podían ser 45 minutos no hospital, e podemos ir á nosa casa ou saír do edificio e a través dunha mensaxe comunícannos que xa está todo listo”. 

Ansiedade e depresión polo confinamento

O confinamento derivado da pandemia supón para os pacientes oncolóxicos un problema máis desde o punto de vista psicolóxico. Segundo un estudo da AECC, o 34,3% da poboación con cancro sufriu ansiedade ou depresión polo confinamento. “A miña psicóloga díxome que nin durante o proceso da enfermidade estivera tan mal”, conta Santaclara. “Estar na casa confinada, sen practicamente ningunha distracción fai que a cabeza non deixe de pensar e iso provocou que durante a corentena de marzo sufrira un serio baixón emocional, que se está a repetir na actual situación que estamos a vivir”. 

É por iso que neste caso as asociacións xogan un papel esencial á hora de “adaptarse ás necesidades da sociedade e traballar para mellorar a súa situación”, explica Martínez. Por iso, durante este mes Adicam realizará unha serie de obradoiros en liña de desenvolvemento persoal nos que as participantes “aprenderán da man das nosas psicólogas a traballar a autoestima, relaxación e a psicoloxía positiva”. 

Pola súa banda, na sede compostelá da AECC están a realizar unha campaña baixo o lema “Estreitando lazos”, que involucra tanto pacientes e familias como persoal sanitario para a creación dun “decálogo consensuado de boas prácticas na comunicación afectiva”, indica Pais. “A distancia social e as máscaras fan que percibir a situación anímica do paciente ou a preocupación do doutor xa non sexan da mesma maneira que antes, por iso estamos a elaborar este decálogo que mellore a comunicación afectiva tan esencial entre o persoal sanitario e os pacientes oncolóxicos”, explica Pais. 

A recente fundada Asociación Sarcomas da Galiza tamén busca traballar con pacientes e profesionais, por iso están a organizar unhas xornadas de fisioterapia oncolóxica “nas que se pretende dar a saber como tratar os pacientes con tumores, xa que estes pódense activar con masaxes descontraturantes ou utilizando técnicas de correntes ou calor”, explica a vicepresidenta da asociación, Ana Gil. 

Falta de especialidade ante tumores raros

Os sarcomas son un tipo de tumor canceríxeno que se dá nos tecidos do corpo (óseo, muscular ou graxa, entre outros), con 83 subtipos distintos. A vicepresidente da Asociación Sarcomas da Galiza explica que “só 1 de 10.000 tumores é un sarcoma e só 1 de cada 100.000 persoas con cancro ten un sarcoma”. A minoría de casos fai que “exista moi pouca investigación sobre estes tumores e que incluso non se diagnostique até que é moi tarde porque a maior parte dos doutores de cabeceira non tiveron que examinar ningún na súa carreira”.

Gil vive en primeira persoa o padecemento de dous sarcomas e, ante a falta de recursos e especialistas na Galiza, tivo que operarse en Madrid. “No país hai actualmente 700 pacientes con tratamento de sarcoma, pero non existe ningún centro que conte cos especialistas necesarios para esta enfermidade, por iso contan con diversos casos que teñen que marchar da Galiza para poder recibir unha atención adecuada”. 

Estes carcinomas son moi agresivos e “se non se operan ou non se biopsian da maneira axeitada pode crear a reprodución do cancro polo resto do corpo”. Por iso, desde a asociación buscan poder dar visibilidade a esta especialidade para así pór sobre aviso a cidadanía. “Este tipo de cancro é habitual en menores de 30 anos, pero resulta complicado de diagnosticar, e, ás veces, cando se fai, xa é un pouco tarde”, indica Gil. A esperanza de vida dos pacientes de sarcoma que non son ben tratados “non chega aos 5 anos no 50% dos casos”. 

Viaxar fóra para recibir tratamento

A Fundación Banco Médico Farmacéutico da Galiza destacou estes días “a importancia de investir recursos destinados á investigación oncolóxica” para “que as persoas diagnosticadas desta enfermidade poidan recibir un tratamento de calidade sen necesidade de deixar o territorio”. A través dun comunicado de prensa, a fundación expón que “desde marzo de 2019 até novembro de 2020, polo menos 12 pacientes galegos tiveron que desprazarse fóra do país para someterse a terapia con células CART, un dos tratamentos máis avanzados contra o cancro que non se aplica en ningún dos hospitais galegos pese a solicitarse en diversas ocasións”. 

En declaracións a Nós Diario, Ana Gil, vicepresidenta da Asociación Sarcomas da Galiza, facía saber que tanto ela mesma como outras dúas compañeiras da asociación tiveran que trasladarse a Madrid, Sevilla e Barcelona, respectivamente, para poder recibir o tratamento adecuado para os seus sarcomas. Gil expuña a este xornal que intentaron que se crease "un centro especializado neste tipo de cancro en Vigo, pero polo de agora non se conseguiu".

Predicións de incidencia e mortalidade na Galiza

De non aumentar o investimento nas investigacións para poder así descubrir mellores técnicas, as afectadas e afectados seguirán en aumento ao logo dos anos na Galiza. Segundo os datos proporcionados pola Asociación Española Contra o Cancro, a incidencia de pacientes con cancro continuará a subir nos vindeiros anos. Para 2030 as incidencias de cancro aumentarán en 20.889 casos e no ano 2040 prevese que cheguen até as 23.493 persoas.

As predicións de mortes por cancro do mesmo estudo expón que para 2030 os falecidos serán 9.434 persoas e chegarán a 11.144 vítimas no ano 2040. No pasado ano, perderon a vida por esta doenza 3.280 galegas e 5.093 galegos, en total 8.372 persoas.