Un documentario para coñecer "a verdade" do accidente de Angrois

A asociación de vítimas Alvia 04155 lanza unha campaña de crowdfunding para producir un filme que axude a esclarecer "todas as responsabilidades" do sinistro. VÍDEO NO INTERIOR.

 

"Queremos contar o que ninguén se atreveu a publicar, documentos e testemuñas inéditas que queren ocultar", afirman desde a Plataforma Vitimas Alvia 04155 na web de lanzamento do proxecto Verkami co que visan financiar a produción e gravación dun documentario sobre o sinistro. 

"Queremos destapar o que non queren que a cidadanía saibamos", sinalan após consultar a enxeñeiros e profesionais ferroviarios ao longo de máis dun ano. Coa documentación e información recompilada durante este tempo propoñen a todas as persoas que o desexaren facer a súa aportación económica para pór en andamento esta iniciativa. 

"Queremos contar o que ninguén se atrveu a publicar, documentos e testemuñas inéditas que queren ocultar"

En total visan conseguir 50 mil euros cos que financiar as contratacións de persoal e os gastos de prepraración, gravación e montaxe do documentario. Aínda así, unha produtora asumirá outros gastos pola súa conta. O almanaque que se propoñen é cobizoso e ten por obxectivo presentar publicamente o filme no segundo aniversario do accidente, o 24 de xullo de 2015.  

O título da peza audiovisual é Frankenstein-04155 e fará un seguimento das pesquisas que familiares e superviventes da traxedia de Angrois desenvolveron desde o accidente. Durante máis dun ano, e através de diversas asociacións e colectivos, nomeadamente a Plataforma Vitimas Alvia 04155, exixen que as autoridades xudiciais e políticas diriman "todas as responsabilidades" que resultaron no descarrilamento do tren á súa chegada á capital de Galiza na véspera do Día da Patria. 

Até o de agora, o xulgado de instrución compostelán, que desenvolve a investigación, non conseguiu sentar no banco das persoas acusadas a ningún responsábel político nen ferroviario. Tampouco a Adif. E só o maquinista se mantén como imputado. "Obviamente ten a súa parte de responsabilidade", afirman desde a asociación, "mais é o último elo dunha cadea de erros e neglixencias".